O aumento da temperatura do mar ameaza o mexillón galego

Un novo estudo científico advirte dunha maior ameaza para o bivalvo en augas de Galicia que no Mediterráneo pola maior acumulación de metais debido ao quecemento global de mares e océanos.

Por Alberto Quian | Madrid | 23/06/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O quecemento do mar aumentará a bioacumulación de metais en mexillóns das rías galegas e, por tanto, a toxicidade para estes. Esta é unha das principais conclusións dun estudo asinado na revista científica Marine Chemistry por investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (Consejo Superior de Investigaciones Científicas - CSIC) e do Instituto Nacional de Agronomía de Tunes.

Cultivo de mexillóns en batea
Cultivo de mexillóns en batea | Fonte: RTVE.

En toxicoloxía, a bioacumulación é o proceso de acumulación de substancias químicas en organismos vivos de forma que estes alcanzan concentracións máis elevadas do normal. E ao parecer, o aumento da temperatura da auga polo cambio climático causará unha bioacumulación máis alta nos mexillóns das rías galegas para varios metais, como o chumbo, cadmio e cromo.

Os científicos analizaron 120 exemplares de mexillóns Mytilus galloprovincialis de dúas localizacións climáticas diferentes: a ría de Arousa e a baía de Bizerte (Tunes)

“A tendencia actual das alteracións climáticas acelerará a modificación do sistema oceánico ao cambiar, entre outros aspectos, a especiación de metais e a súa  biodispoñibilidade, o que pode ter un impacto na súa acumulación por parte dos organismos mariños”, advirten os autores do estudo. Neste sentido, hai que explicar que a especiación química é o proceso de identificación e cuantificación das formas químicas dun mesmo elemento nunha mostra dada.

Os científicos analizaron 120 exemplares de mexillóns Mytilus galloprovincialis –principal especie europea na produción acuícola, sendo as rías galegas a principal zona produtora– de dúas localizacións climáticas diferentes: a ría de Arousa e a baía de Bizerte (Tunes).

As mostras trasladáronse ao laboratorio do Instituto de Investigacións Mariñas e expuxéronse a auga filtrada non contaminada da ría de Vigo con catro condiciones distintas: utilizando os niveis actuais de pCO2 (presión parcial de dióxido de carbono) nas rías galegas (400 μatm), a unha temperatura de 15 ºC; noutros dous escenarios aumentouse a pCO2 ata 800 μatm e 1.100 μatm; por último, fixéronse probas no escenario máis alto para o contido de CO2 (1.100 μatm) e un aumento da temperatura da auga, a 25 °C.

O que atoparon foi que, “baixo as condicións de cambio global propostas neste estudo, o aumento da temperatura deu como resultado un índice de condición máis baixo e unha fortaleza menor para os mexillóns do Atlántico, mentres que os mexillóns do Mediterráneo, adaptados a temperaturas máis altas, non mostraron variacións notables” (o índice de condición é unha medida que reflicte o estado enerxético do organismo no que se refire á formación dos tecidos brandos; como tal, representa unha aproximación extraordinaria para observar o desvío de enerxía que envía aos seus compoñentes).

"O aumento da temperatura deu como resultado un índice de condición máis baixo e unha fortaleza menor para os mexillóns do Atlántico"

“De acordo coa acumulación de metais traza en diferentes partes dos mexillóns estudados, observamos que o efecto do aumento de CO2 por si só non mostrou ter un impacto na bioacumulación, pero os factores estresantes combinados (aumento de CO2 e da temperatura da auga) poden conducir a un aumento da bioacumulación dalgúns elementos”, detallan os investigadores. En concreto, observaron un aumento significativo nas concentración de chumbo, cromo, níquel e cadmio nos mexillóns de Galicia, mentres que nos do Mediterráneo só foi relevante en chumbo e cadmio.

Tamén se comprobou, por exemplo, que o aumento da temperatura do mar resultou nunha diminución do contido de cobre no tecido da glándula do biso nos mexillóns do Atlántico, “o que está de acordo coa menor fortaleza do biso observada en tales condicións”, expoñen.

O biso son filamentos que fan que o mexillón se enganche no terreo que estea, producindo unha secreción viscosa que se endurece gradualmente cando entra en contacto coa auga do mar. Os mexillóns usan esta secreción para fixarse ao seu substrato, ás rochas ou defenderse dos posibles depredadores. Dependendo dos filamentos que teña o biso, a forza que haxa que facer para sacalo será maior ou menor.

“Cando a temperatura se incrementa a 25 °C, a fortaleza do biso nos mexillóns galegos diminúe drasticamente”, conclúen os autores do estudo.

Isto explicaríase, en parte, polo feito de que “os mexillóns galegos están comunmente expostos a un rango de temperaturas de 12-19 °C, con picos ocasionais de ata 20 °C en diferentes zonas da área”, temperaturas inferiores ás que soportan os mexillóns do Mediterráneo, que poden oscilar entre 13 e 31 °C durante o ano.

“Os resultados indican un aumento da ameaza” para os mexillóns “principalmente polo quecemento global, en lugar da acidificación dos océanos”

“Estes resultados indican un aumento da ameaza” para os mexillóns “principalmente polo quecemento global, en lugar da acidificación dos océanos”, destacan os científicos, quen constataron que “co aumento previsto de pCO2 para o final deste século, non se observaron cambios biolóxicos en termos de índice de condición ou fortaleza do biso” para mexillóns da especie Mytilus galloprovincialis.

Ademais, “os cambios esperados na especiación de metais e a biodispoñibilidade como resultado da acidificación non conduciron a unha variación medible na carga de metal do tecido brando do mexillón”, indican.

Con todo, “o aumento da temperatura deu como resultado un menor índice de condición e de resistencia do biso, e unha bioacumulación máis alta para varios metais (por exemplo, chumbo, cadmio, cromo) para os mexillóns adaptados a augas máis frías”, as galegas (o índice de condición refírese á cantidade relativa de carne producida por un organismo e é amplamente utilizado en moluscos para estimar o seu valor nutritivo, comercial e tamén ecolóxico).

Ademais, insisten, “a diminución da concentración de cobre –un elemento esencial para a formación do biso no pé do mexillón– ao aumentar a temperatura está de acordo coa menor fortaleza do biso observada en tales condicións”.

En base aos seus resultados, os científicos destacan a necesidade de estudar “máis” as consecuencias do “aumento esperado da temperatura do mar, que se producirá gradualmente durante as próximas décadas”, para “garantir a adaptabilidade das especies e a produción acuícola”.

AUMENTO DA TEMPERATURA DO MAR

O Grupo Intergobernamental de Expertos sobre o Cambio Climático predí un aumento medio da temperatura global da superficie do mar de ata 4,8 °C a finais do século XXI.

En 2019 rexistráronse as maiores temperaturas dos océanos e mares desde que hai rexistros

Un estudo publicado na revista Advances in Atmospheric Sciences certificou un récord en 2019 na temperatura dos océanos e mares desde que hai rexistros, 0,075 graos centígrados por enriba da media rexistrada entre 1981 e 2010.

Os resultados mostran que as augas mariñas se foron quentando cada vez máis rápido, sobre todo entre a superficie e os 2.000 metros de profundidade: o ritmo ao que aumentaron as temperaturas entre 1987 e 2019 foi catro veces e medio máis rápido que entre 1955 e 1986.

Para facerse unha idea máis clara de que está a pasar, os científicos afirman que nos últimos 25 anos os océanos absorberon a calor equivalente á explosión de 3.600 millóns de bombas atómicas como a de Hiroshima, o que equivale a lanzar aproximadamente catro bombas aos océanos cada segundo durante o último cuarto de século.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta