Máis de 3.700 fogares galegos reciben o primeiro pago do ingreso mínimo vital

As solicitudes nos 10 primeiros días son máis de 13.800 en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/06/2020 | Actualizada ás 13:18

Comparte esta noticia

A Seguridade Social efectúa este venres, 26 de xuño, o primeiro pago do Ingreso Mínimo Vital (IMV) a 74.119 fogares beneficiarios en España, entre os que hai 3.721 familias galegas. Son recoñecidos de oficio procedentes da prestación por fillo a cargo.

En total, abónanse en todo o Estado 32 millóns de euros, o que supón unha axuda media por fogar de máis de 430 euros ao mes. No caso galego, estes fogares contan con 5.342 adultos e 6.088 menores a cargo, o que suma 11.430 persoas. Por provincias, abónanse prestacións en 1.393 fogares na Coruña, seguida de Pontevedra (1.325), Lugo (524) e Ourense (479).

Os fogares recoñecidos de oficio son aqueles de os que o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) tiña información suficiente sobre a composición do fogar para poder realizar a reconversión. A Seguridade Social avisounos, previamente, por SMS e carta para que non tivesen que solicitar o Ingreso Mínimo Vital.

O resto dos beneficiarios da prestación por fillo a cargo sen discapacidade ou con discapacidade menor ao 33% que poidan ser beneficiarios da nova prestación deberán solicitalo, xa que non constaba información suficiente para reconverter de oficio a prestación.

SOLICITUDES

Nos primeiros dez días desde o inicio do prazo para solicitar o Ingreso Mínimo Vital, rexistráronse no INSS 344.585 solicitudes en España, 13.814 delas en Galicia. A maioría presentadas por vía telemática, xa que a atención presencial nos Centros de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) retomouse este xoves. Por provincias, na Coruña solicitáronse 6.085 prestacións, seguida de Pontevedra (4.840), Ourense (1.676) e Lugo (1.213).

En España, Madrid encabeza a lista en número de solicitudes, con 49.856, seguida de Barcelona (35.355), Valencia (20.699) e Sevilla (20.310). Pola contra, aquelas das que se recibiron menos solicitudes son: Palencia (571), Teruel (426) e Soria (257).

A quen realicen a solicitude nos tres primeiros meses (ata o 15 de setembro), e teñan dereito a ela segundo a documentación acreditada, seralles concedida con efectos retroactivos desde o 1 de xuño.

Os cidadáns pódense informar sobre o Ingreso Mínimo Vital a través da páxina web da Seguridade Social (www.seg-social.es) e mediante o novo asesor virtual, ISSA. Tamén dispoñen dunha ferramenta de simulación, onde poden comprobar se cumpren os requisitos, e dunha liña de teléfono para realizar consultas concretas (900 20 22 22), que funciona de 8.30 a 20.30 horas.

Voluntarios traballan na sede do Banco de Alimentos de Vigo. FUNDACIÓN PROVINCIAL BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO
Voluntarios traballan na sede do Banco de Alimentos de Vigo. FUNDACIÓN PROVINCIAL BANCO DE ALIMENTOS DE VIGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta