Protesta en Pontevedra contra "a precariedade laboral" e a "privatización" na sanidade

Participaron traballadores da área sanitaria de Pontevedra, con representación de colectivos como o de enfermeiras eventuais e a Asociación de Celadores de Galicia.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/06/2020 | Actualizada ás 20:48

Comparte esta noticia

Unhas 300 persoas, entre elas traballadores da área sanitaria de Pontevedra, con representación de colectivos como o de enfermeiras eventuais e a Asociación de Celadores de Galicia, percorreron as rúas da cidade para protestar contra "a precariedade laboral" e a "privatización".

Protesta contra a privatización en sanidade.
Protesta contra a privatización en sanidade. | Fonte: Europa Press

A mobilización está convocada polos sindicatos CESM-Galicia, CO-BAS e Prosagap con apoio da Comisión de Atención Hospitalaria da área sanitaria de Pontevedra e CXT. No transcurso da mesma, na que se mantiveron as medidas de seguridade sanitaria derivadas da pandemia, coreáronse lemas como 'As camas do Quirón custan unha chea' ou 'O próximo parado que sexa un deputado'.

Todos eles reclaman solucións a un conflito que dura "máis de tres meses" a través da convocatoria dunha mesa de negociación sobre o decálogo de demandas que expoñen estes colectivos.

Entre elas, reivindican que cese a precariedade laboral e que se apliquen as melloras previstas en Atención Primaria e nos puntos de atención continuada, ademais da reactivación da actividade cirúrxica para evitar que se deriven casos á sanidade privada.

Estas organizacións representadas na xunta de persoal critican a "falta de entendemento" coa xerencia da área sanitaria de Pontevedra ante as "lamentables condicións de traballo" e os "riscos de privatización da sanidade pública".

En concreto, rexeitan a actitude do director, a directora asistencial e a directora de Recursos Humanos, e piden a súa dimisión polas "distantes relacións" que manteñen cos representantes destes sindicatos atribuídas ao "menosprezo" e "falta de sensibilidade" da Administración sanitaria cara aos seus profesionais "no momento de máxima crise sen atender as súas peticións".

UN CAMBIO NA DIRECCIÓN DA ÁREA

Por iso, reclaman ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, un cambio á fronte da dirección da área pontevedresa.

Esta é a segunda manifestación que convocan, tras unha primeira mobilización celebrada o pasado 29 de maio e que estivo precedida por ata 8 concentracións de protesta nos hospitais provinciais e Montecelo en abril para esixir máis recursos materiais e humanos pola pandemia do coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta