Gonzalo Caballero desafía a Feijóo para un "cara a cara" e vese como o líder do "cambio en Galicia"

O aspirante socialista mostrouse convencido de que se "avanza" cara a unha vitoria de progreso" o próximo 12 de xullo.

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 30/06/2020 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, instou ao presidente galego e aspirante popular á reelección, Alberto Núñez Feijóo, a "deixar as escusas" e "aceptar un cara a cara" co PSdeG, a forza que "lidera o cambio en Galicia".

En declaracións aos medios durante unha visita a Guitiriz acompañado pola alcaldesa, Marisol Morandeira, e despois de que Feijóo condicionase a súa participación noutro debate a que "o multipartito" elixise "a un candidato", Caballero asegurou que o popular "se escaquea" do debate "como pode".

Deste xeito, tras subliñar que a súa formación é o partido que "gañou as xerais e as municipais", criticou que o presidente da Xunta trate de "evitar o debate co Partido Socialista", cuestión que, na súa opinión, mostra como "Feijóo é cada vez máis pequeno, máis covarde".

"Faise cada vez máis pequeno, está cada vez máis eslamiado, cada vez resulta máis antipático porque enfronte hai unha maioría de ilusión, de ganas, de forza, de cidadáns que queren unha Galicia mellor e que supoñen unha posibilidade de construír unha Galicia en positivo", indicou para sinalar que "todo o mundo sabe en Galicia que ou goberna o PP ou o fai o PSOE".

Nesta liña, sostivo que o luns Feijóo "foi superado pola maioría de cambio". "Evidenciouse que o PSOE lidera o cambio en Galicia e que imos construír coas forzas progresistas unha maioría de progreso", subliñou Caballero, que afirmou que Núñez Feijóo "perdeu" e por iso "está tan enfadado e anoxado".

Fronte a iso, instou ao popular a "dar un paso adiante" e a "deixar de estar escondido". "Xa sabemos que non lle gusta debater, pero pedímoslle que teña a coraxe de confrontar cara a cara co principal partido político da oposición, que a semana que vén teña unha cara a cara para mostrarlle aos dous proxectos que hai, unha dereita que pecha ciclo cun partido esgotado, e un PSOE que ten a forza para darlle un goberno progresista ao noso país", indicou.

"UN CAMBIO A FAVOR DE TODOS"

"Nós queremos cambiar Galicia,  non contra ninguén, queremos un cambio a favor de todos e de todas", indicou o socialista, que sostivo que o debate foi "un paso adiante" cara á "vitoria" o 12 de xullo.

O aspirante socialista mostrouse convencido de que se "avanza" cara a unha vitoria de progreso" o próximo 12 de xullo, cunha "mobilización crecente, unha reactivación do electorado que onte se atopou no debate que hai dous proxectos de país distintos para esta reconstrución".

"Non é o mesmo cando goberna a dereita que cando o fai a esquerda", subliñou para pedirlle a todos os galegos "o voto útil" ao PSdeG, ao ser a forza "que pode liderar un futuro mellor para todos os galegos".

MEDIO RURAL

Por último, acompañado pola alcaldesa, sinalou que a Galicia do medio rural, do interior, "necesita un novo tempo á fronte da Xunta". "Galicia necesita un goberno que conecte coas cidades e que apoie tamén a Galicia interior, ao medio rural", sinalou.

E é que, segundo indicou, Feijóo "prometeu que esta ía ser a lexislatura do medio rural" pero "non tomou ningunha medida para favorecer a vida" nel.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero,e o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Quiroga, en Guitiriz
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; o candidato do PSdeG, Gonzalo Caballero,e o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Quiroga, en Guitiriz | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta