Ciudadanos aposta no seu programa para Galicia pola "libre elección" de lingua en procedementos administrativos

Confirma o seu cambio de postura sobre o AVE galego e promete esixir investimentos para finalizar esta infraestrutura "estratéxica".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/07/2020 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

Ciudadanos aposta no seu programa electoral para as eleccións galegas do 12 de xullo pola "libre elección" entre as dúas linguas oficiais (castelán e galego) nos procedementos administrativos e afirma que "garantirá" que a Xunta de Galicia "utilice con normalidade" ambos os idiomas. Así se reflicte no documento programático que foi publicado este venres e que contempla máis de 250 medidas, entre as que está esa utilización "con normalidade" das dúas linguas oficiais, tanto nas "actuacións internas" da administración autonómica como nas relacións cos concellos e deputacións.

A candidata de Cs á presidencia da Xunta, Beatriz Pino, xunto ao eurodeputado do partido, Adrián Vázquez, e a secretaria xeral, Marina Bravo, acompañados pola presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García
A candidata de Cs á presidencia da Xunta, Beatriz Pino, xunto ao eurodeputado do partido, Adrián Vázquez, e a secretaria xeral, Marina Bravo, acompañados pola presidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, Patricia García | Fonte: Ciudadanos.

"Nos procedementos administrativos garantiremos o dereito á libre elección da lingua por parte do interesado: dita elección vinculará á administración sen necesidade de petición expresa e bastando a petición ou o escrito inicial formulado ou presentado polo cidadán", reflicte o programa.

Entre as propostas que afectan o funcionamento da administración, o partido laranxa tamén promete fomentar os principios de igualdade, mérito e capacidade na función pública, acabar con "dedazos" e "enchufes", convocar ofertas de emprego público cada ano, ou adoptar medidas de loita contra a corrupción (como apartar a cargos imputados, auditar o gasto público para frear o "malgasto", acabar cos aforamentos ou pór fin ás "portas xiratorias").

En materia de rexeneración democrática, Cs tamén promete unha reforma da lei electoral para "mellorar a proporcionalidade e representatividade", implantar as listas abertas, derrogar o voto rogado, ou establecer a obrigatoriedade dos debates electorais.

INFRAESTRUTURAS

Con respecto á mobilidade e as infraestruturas, Ciudadanos consolida no seu programa electoral galego o 'xiro' dado con respecto á alta velocidade ferroviaria. Así, o partido pasou de considerar esa infraestrutura "non prioritaria" hai uns anos a defendela como "fundamental".

No programa para os comicios do 12 de xullo, o partido da candidata Beatriz Pino comprométese a "garantir a chegada do AVE a Galicia", esixindo ao Goberno que realice os "investimentos necesarios" para cumprir cos prazos de terminación desta infraestrutura "estratéxica".

Ademais, neste ámbito, Ciudadanos tamén aposta por converter Galicia nun gran 'hub' loxístico, potenciar o Corredor Ferroviario Atlántico, mellorar a coordinación dos aeroportos (impulsando como terminais de voos nacionais as de Vigo e A Coruña, e deixando Santiago para as conexións internacionais), ou avanzar na eliminación "paulatina" das peaxes "abusivas e inxustas".

MEDIDAS ECONÓMICAS

No ámbito económico, o programa establece compromisos para a reactivación industrial, como a esixencia dun estatuto para a industria electrointensiva; así como a promesa de baixar impostos, impulsar o comercio local, simplificar as tramitacións administrativas, ou a implantación dunha "tarifa plana" para autónomos.

Nesta área, Ciudadanos tamén fai fincapé na necesidade de aprobar un "Pacto Galego pola Ciencia" para que o I+D+i sexa "unha verdadeira prioridade". A ese respecto, o programa electoral aposta por crear unha "rede galega de transferencia de coñecemento", unha Corporación Tecnolóxica Galega, ou por medidas que dean estabilidade aos científicos e investigadores.

Con respecto ao medio rural, aposta por un "Pacto Galego contra o Despoboamento", que mobilice recursos para reordenar o medio rural, valorizar os seus recursos, garantir os servizos públicos nese territorio, ou acabar coa fenda dixital.

Así mesmo, Ciudadanos promete no seu programa potenciar a prevención de incendios forestais, apoiar a produción no sector primario (agricultura, pesca, gandaría), defender os intereses de Galicia na UE para a repartición de cotas pesqueiras ou de fondos da PAC, ou potenciar o consumo de produtos de proximidade.

SANIDADE E EDUCACIÓN

No ámbito de servizos públicos esenciais, como a sanidade ou a educación, Cs compromete máis recursos e mellores condicións para os profesionais. Así, aposta por un Plan de Emerxencia Sanitaria ante posibles rebrotes da pandemia de coronavirus, e dotar ao persoal de material de protección suficiente; tamén promete a convocatoria anual de ofertas de emprego público, adoptar medidas para reducir listas de espera, implantar inspeccións periódicas en residencias de maiores, mellorar os recursos de Atención Primaria, implantar unha Estratexia Galega de Saúde Mental ou unha Comisión Galega para a Prevención do Suicidio.

Na área de Educación, ademais das oposicións anuais, Ciudadanos expón crear un "MIR docente" e rebaixar a menos do 5 % a taxa de interinidade entre profesores. Outras medidas neste ámbito son a gratuidade e universalidade da educación de 0 a 3 anos, a renovación de concertos segundo criterios de demanda social, ou o aumento de recursos para as universidades.

OUTRAS MEDIDAS

Finalmente, Ciudadanos recolle no seu programa iniciativas para impulsar o sector turístico (desestacionalización, mellora de sinalización, ou un plan estratéxico dos camiños xacobeos), cultural (un plan estratéxico do patrimonio cultural, creación dunha Escola e Museo da Moda, apoio ao audiovisual, etc.) e deportivo (apoio ao deporte amateur e feminino, ou aumento de recursos para os Centros de Tecnificación Deportiva).

Así mesmo, promete a tramitación dunha lei galega de "diversidade familiar", unha estratexia contra a pobreza infantil, medidas para fomentar a conciliación (flexibilidade horaria, apertura de comedores escolares todo o ano, etc.), incremento de recursos para a dependencia ou un pacto galego pola igualdade en materia de emprego.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 nostrus

Pois claro, porque a verdadeira identidade e realidade galegs é o bilingüismo. C´s é a garantia de que se respetan os direitos das personas, sexan galegofalantes, castelanfalantes ou bilingües. Non entendo como unha persona castelanfalante pode votar ao bloque sabendo que seus direitos non lle importan. Ao bloque só lle importan as suas sensacions, devocions, supersticions e alucinacions.

1 Amancio

O bilingüismo, como no caso galego, é simplemente unha etapa transitoria cara a desaparición da nosa lingua, que non é a castelá.