Soberanía política e independencia económica

O proceso de integración europeo e particularmente, a crise da economía de mercado na Europa (e nos estados do sur especialmente), está a pór en evidencia a perda de soberanía política por parte dos estados. Soberanía política e independencia económica son hoxe, de novo, conceptos unidos que atacan a liña de flotación da lóxica do capitalismo.

Por Aurélio Lopes | Compostela | 14/02/2013

Comparte esta noticia

“Soberanía política e independencia económica”. Foi o título que o Che Guevara deu a unha comparecencia na televisión cubana en Marzo de 1960, nos albores do novo goberno revolucionario. Nel analizaba os conceptos de soberanía e independencia; e os interrelacionaba: “a soberanía política e a independencia económica van unidas”. Entendía o concepto de soberanía política como un instrumento para “a conquista económica e para facer realidade en toda súa extensión a soberanía nacional” e como un dereito que ten o País “a que ninguén interveña na súa vida, o dereito que ten un povo a darse un goberno e o modo de vida que mellor lle veña, iso depende da vontade”. Mais esa soberanía política, concluía, non era plena sen a independencia económica. Non é obxecto deste artigo analizar o grao de éxito das políticas económicas na década dos 60 en Cuba, mais si ver o que ten de actual este esquema de análise para o noso proceso político.

A irrupción dunha nova forza no Parlamento galego veu da man dun discurso que describía o conflicto político cos poderes fácticos, exclusivamente, no eixo esquerda-dereita. Neste esquema de razoamento, a cuestión da soberanía xogaría un papel secundario ao ser un elemento que non pode mudar as correlacións de forzas entre o réxime e os subalternos no marco da Galiza. A cuestión nacional simplemente tería a ver con cuestións lingüísticas, culturais ou identitarias. Hai quen a isto lle puxo certo nome, relacionado cunha abondosa árbore que temos no País, durante a “longa noite de pedra”. Da superación dese esquema, nacía, en 1964, o nacionalismo contemporáneo; interrelacionando os conceptos de liberación nacional e social.

Na mesma liña, para garantir un goberno galego que poida dar resposta aos principais problemas políticos, económicos e sociais, é fundamental dotarse de soberanía política: un Estado. Dotarse do conxunto de estructuras para exercer o poder político: participación política, institucións, funcionarios, burocracia, monopolio da violencia e coerción, representación diplomática... E tamén de independencia económica: unha economía nacional ao servizo das maiorías. A importancia de establecer o marco xurídico-político para o desenvolvimento dunha economía autocentrada nos eidos industrial e agro-gandeiro; e unha política sócio-económica e laboral en favor das capas obreiras e populares: as maiorías sociais. É na combinación de ambos conceptos, soberanía e independencia, nos que estes alcanzan o seu auténtico significado.

Ao fío disto, venme unha anécdota da que tirei, persoalmente, conclusións. Recentemente vin un vídeo dunha conferencia de Pablo Iglesias, presentador de La Tuerka e colaborador de IU, no que describía como diante de Beiras, na noite electoral, un dirixente de Anova (volve o sanedrín irmandiño a miña cabeza) despois de constatar os resultados estaba “contentísimo de que non perdera o PP”. E citaba ao dirixente de Anova: “Porque ti imaxina... Imaxina que o PP perde a maioria absoluta... Nós somos a 2ª forza. Detrás do PSOE... pero sumando os nosos votos cos do BNG temos mais. Como vamos facer! Incluso igual teríamos que propor nós o presidente da Xunta... Como “cojones” facemos! Cos orzamentos... Menos mal que tivo maioría absoluta o PP...”.

Descoñezo a veracidade das afirmacións do asesor de comunicación de Iolanda Díaz na campaña das autonómicas. Mais fiquei co fondo do afirmado. Este dirixente expresaría a incapacidade política de transformar o existente desde a autonomía. Chegar ao executivo autonómico non garante poder político; e ese poder non se garante por construir un relato exclusivamente de esquerda-dereita. O problema é que esa institución non permite unha política económica desde a esquerda, reforzada polo poder da soberanía política que garantiría políticas fóra da lóxica da UE, do BCE, do FMI e do Reino de España: os actores que definen a nosa política industrial, financeira, agraria, mineira, gandeira, forestal, pesqueira... Todos eles sectores fundamentais para a saúde da nosa economía.

Hoxe, os obreiros do naval non poden traballar en Navantia por orde da UE. Do sistema financeiro galego e as caixas en particular xa non fica case nada pola lóxica de concentración de capitais impulsionada polo executivo español no marco das políticas da UE, o BCE e o FMI. O sector leiteiro afogou coas políticas da UE; coa axuda do Reino de España que priorizou o aceite. No eido forestal, continuamos amarrados, en boa parte, á lóxica de Ence-Elnosa e as consecuencias no modelo de explotación dos montes. En minería, sigue o saqueo estructural, de pizarreiras e de canteiras de granito, e avanzando co ouro (Corcoesto). E que dicir do eido fiscal! O 3º home máis rico do mundo, Amancio Ortega, non paga un peso en impostos na Galiza. Paga en Madrid. E nas deputacións vascas! Mais aquí non. E unha longa lista de problemas económicos derivados da neglixencia dos poderes alleos e a falta de poder político, soberano, para resolvelos.

Galiza hoxe precisa soberanía política: un Estado. E independencia económica: unha economía planificada ao servizo das maiorías sociais. Falaremos galego. E teremos unha cultura nacional. Mais non esquezamos o cerne da cuestión: hoxe Galiza, politicamente non existe. Só o proceso que a esquerda deste País ten que impulsionar cara a soberanía política e a independencia económica traerá un marco onde a maioría social galega, goberne. Goberne de verdade. @Aure_Lopes

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA