Próxima estación: Referéndum

No escenario político internacional, europeo e español, varios son os procesos en marcha para a construcción de novos estados, reunificación de territorios ou mesmo, por vez primeira na historia da UE, a saída dun estado membro. Galiza non pode permitirse perder o tren.

Por Aurélio Lopes | Compostela | 29/01/2013

Comparte esta noticia
O povo de Catalunya votará en referéndum no 2014. Ao igual que a Escocia tras acordar a súa lexitimidade co executivo británico. Euskal Herria avanzará no seu camiño de normalización política e a consolidación de maiorías sociais e institucionais soberanistas. A Irlanda buscará, da man do Sinn Fein, o referéndum pola reunificación nacional e o Reino Unido plantéxase a saída da UE, tamén en referéndum. E sen esquecer o lento proceso de implosión da Bélxica como estado.
 
No 2014, si, outra vez ese ano, celebraranse eleccións ao parlamento europeo. Unha institución que forma parte desa UE que terá que construir un relato político para situarse no contexto de criación de novos estados. Outro factor desa cita será o descontentamento popular e a necesidade de castigo ao réxime que vai ter a súa expresión no castigo a PP e PSOE probabelmente como nunca na historia desta II Restauración. Disque andan mui preocupados. Será o momento de levar a voz dos povos do estado español a Europa para afortalar os nosos proxectos políticos? Para garantir os procesos soberanistas? Isto xa é cousa para falar outro día.
 
Novos estados pois, nacerán da man de procesos democráticos, vía referéndum e baseados na forza das maiorías sociais. Hoxe na Europa, a pesar de todas as dificultades que sempre porán no camiño os inimigos dos povos e a democracia, é posibel avanzar cara a construcción de novos estados articulando maiorías sociais que o demanden e estexan dispostas a materializalo.
 
Dalgunha maneira, e con todos os matices que se quixer, a “tese central” das esquerdas independentistas no contexto do estado español, especialmente nos anos 80, mudou. Daquela, na Galiza, Catalunya e Euskal Herria as esquerdas independentistas partían da tese de que o estado español nunca aceitaría baixo parámetros democráticos, procesos de autodeterminación. 
 
Mais a febleza do estado, incluso na súa función coercitiva, fixo que a estratexia de bloqueo do unionismo español pasara de ser un obstáculo a virar en potencialidade. É a negación de dereitos democráticos e a estratexia de bloqueo a que fai avanzar con forza, e non resistir, as reclamación soberanistas en Euskal Herria e Catalunya! 
 
Hoxe o reino de España é un estado feble. Feble por “dentro” e feble por “fóra”. Deslexitimado ante a cidadanía que se ve desposuída de dereitos socioeconómicos adquiridos tras muitos anos de loitas obreiras e populares. Un sistema de partidos políticos esgotado (PP-PSOE suman xa menos do 50% de voto no conxunto do estado segundo as últimas enquisas de intención de voto) e unhas elites políticas corruptas. Mais tamén mui feble no escenario internacional: con cesión de soberanía nacional que imaxinamos chega até onde digan os poderes financeiros que posúen a débeda pública contraída, en boa parte, por asumir débedas privadas: aquí os bancos e caixas con mención especial. 
 
En definitiva, os povos da Europa alumean novos Estados. E o povo galego, da man das súas forzas políticas, sindicais e sociais, ten que abrir as portas deste proceso. E penso que todos os amigos e todas as amigas da democracia e do exercicio da autodeterminación no noso País teñen que estar desde o minuto cero aportando e sendo protagonistas dun amplo movemento pola soberanía nacional. Sen mimetismos con outras nacións. Sen os sectarismos do presente. Sen os timoratismos das direccións do pasado. @Aure_Lopes
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA