Corrupción e economía de mercado

Coñecimos nos últimos días dúas revelacións que degradan máis a lexitimidade do actual Goberno do Estado. Por unha banda, sóubose que a ministra Ana Mato estaba casada en réxime de gananciais con Sepúlveda aínda no 2007. Pola outra, Mariano Rajoy publicou as súas declaracións fiscais. E destas tírase que no 2008, cando a crise xa era unha realidade, o PP- que depende segundo a súa contabilidade oficial nun 86% das subvencións públicas- incrementaba o soldo do seu Presidente nuns 28000 euros até elevalo a máis de 200.000 €/ano. Lembremos que sería no 2008 cando, segundo a versión-desmentida polo PP- do xornal “El Mundo” Dolores de Cospedal suprimiría os sobresoldos da rúa Xénova, que ascenderían no caso de Rajoy a 25.200 €/ano, segundo os apuntamentos publicados no xornal “El País” , tamén desmentidos polo PP.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 12/02/2013

Comparte esta noticia
E mentres medra o malestar da cidadanía, o PCE ven de afirmar que a corrupción é consubstancial ao sistema. Velaí que só safaríamos da corrupción a medio dunha transición cara ao socialismo, esquecendo a evidencia da gravísima corrupción que existiu na Europa do socialismo real entre 1946 e 1990 e existe na Cuba castrista.
 
O repto é previrmos a corrupción dentro do sistema. E isto esixe, sobre todo, non confiar na autoregulación e establecer regras claras para garantirmos a transparencia e a boa gobernanza. Porque a grande ferramenta contra a corrupción é o Dereito. Un Dereito que emane dun pacto social e político que esixa altísimos estandares de calidade, moralidade e transparencia aos nosos políticos.
 
 Compre falarmos tamén dos axentes privados facilitadores da corrupción política, residenciados nas grandes construtoras e nalgunhas empresas que cotizan no Ibex 35. Connivencia que non só degrada a política, senón a economía. Porque distorsiona a libre concorrencia, conforme ao modelo do “capitalismo de casino do BOE”: pouca atención á formación e motivación dos recursos humanos e ao I+D+i e construción de oligopolios. Estes axentes privados facilitadores tentan chuchar todos os grandes contratos, en detrimento do conxunto do tecido empresarial galego e degradan a contratación de moitos servizos públicos.
 
A ARRINCADEIRA: A xenreira do PP co galego
 
A Xunta, esquecendo que segundo o Estatuto os procedementos xudiciais nados na Galicia han rematar perante o TSXG, quere levar o Decreto do galego ao Tribunal Supremo, que só pode estimar o recurso se prantexa e obtén do Tribunal Constitucional a declaración parcial de inconstitucionalidade da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Será ésta a intención do Goberno de Feijóo? De calquera xeito, é un aceno que non só atenta contra a nosa lingua, senón que despreza o noso autogoberno, ao someter a normativa galega ás instancias xudiciais de Madrid. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.