Dez candidatos nas autonómicas permanecen illados na Mariña

A cabeza de lista de Marea Galeguista viaxou o luns a Santiago a participar nun debate no que Elena Candia entrou por teléfono.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/07/2020 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

Dez candidatos das principais forzas políticas nas eleccións autonómicas deste domingo 12 de xullo permanencen illados nos seus fogares da Mariña Luguesa polo peche decretado na comarca ante o brote de Covid-19.

Unha clausura que se manterá, polo menos, ata o venres, xornada na que termina unha atípica campaña marcada pola pandemia, máis se cabe desde o pasado fin de semana, cando o avance de casos no norte da provincia luguesa motivou a decisión da Consellería de Sanidade de prohibir entradas e saídas en 14 municipios mariñáns onde dez integrantes das listas de PP, PSdeG, BNG e Marea Galeguista teñen a súa residencia.

Populares e nacionalistas son as formacións con máis candidatos afectados (tres) por unha situación na que se atopan a cabeza de lista por Lugo de PP (Elena Candia), Partido Socialista (Patricia Otero), e Marea Galeguista (Iván Lombardero), residentes en Mondoñedo, Burela e Ribadeo, respectivamente.

Así as cousas, as formacións encaran a recta de final da carreira ao 12X adaptando as súas accións de campaña na Mariña, prescindindo de mitins e apostando polas canles telemáticas, como o contacto telefónico e Internet.

Esa foi a vía que escolleu Elena Candia, número 1 do PP por Lugo para participar no debate organizado pola Radio Galega entre cabezas de lista o pasado luns, unha cita na que non estivo a súa homóloga socialista, Patricia Otero, que anunciou o luns por redes sociais que se confina na súa casa de Burela ata o fin da campaña.

CANDIA: MITIN CON FEIJÓO POR VÍDEO

"Estamos a tentar mostrar condutas responsables e exemplarizantes", sinalou Candia en declaracións a Europa Press nas que puxo en valor a "experiencia" obtida durante os meses de confinamento pola crise da Covid-19 no uso das ferramentas telemáticas para traballar. De feito, a exalcaldesa de Mondoñedo entrará por vídeo no mitin que na tarde do martes celebra o PPdeG en Lugo con presenza do aspirante á reelección, Alberto Núñez Feijóo. "Traballamos para defender o noso proxecto cumprindo estritamente as normas de sanidade", engade Candia.

PATRICIA OTERO: CONFINADA NA SÚA CASA

Desde o luns, a cabeza de lista do PSdeG ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo, Patricia Otero, atópase confinada na súa casa da Mariña, onde permanecerá por "responsabilidade" ata o fin de campaña sen participar en ningún acto.

"Quen nos dedicamos á actividade política temos a obrigación de dar exemplaridade cos nosos comportamentos. A prioridade é loitar contra a propagación do virus, e aos candidatos tócanos comportarnos con coherencia coa que se lles pide aos veciños", apuntou Otero nun comunicado remitido aos medios o pasado luns.

O número un non é a única integrante da candidatura socialista por Lugo que terminará a campaña desde o seu domicilio na Mariña. Tamén o fará o número oito da candidatura, Marisol Rey, que se atopa na súa casa de Burela, municipio no que é concelleira.

BNG: DE SANTIAGO A RIBADEO

Pegando carteis e co coche e megáfono será como termine a campaña electoral David Castro, número dous do Bloque en Lugo, un titulado en Linguas Estranxeiras ao que só lle falta un curso para terminar a súa segunda carreira universitaria --Lingua e Literatura Galega--. Este mozo mariñán de 24 anos, con residencia en Ribadeo, atopábase, por cuestións da campaña electoral, en Santiago de Compostela cando se anunciaron as medidas de restrición, polo que regresou ao seu fogar nas horas marcadas para acabar alí a carreira cara ás urnas.

Esta semana, tras cancelarse os actos ao público do BNG, celebrarán --este xoves 9-- de forma virtual o mitin previsto en Barreiros coa candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, o deputado no Congreso, Néstor Rego, a cabeza de lista por Lugo, Olalla Rodil, e a alcaldesa, Ana Ermida. Ademais, o encontro co audiovisual da comarca, tamén será telemático o próximo día 10.

Na mesma situación atópanse os candidatos do BNG Miriam Bermúdez e Diego Fernández, que ocupan o número sete e doce de lista da formación frontista pola circunscrición luguesa.

MAREA: DE RIBADEO A SANTIAGO E VOLTA

Marea Galeguista, a coalición de En Marea, Compromiso por Galicia e Partido Galeguista, ten dous candidatos que tamén vivirán o tramo final da campaña nos seus municipios. Eles son a cabeza de lista, o ribadense Iván Lombardero, e Javier Arca, número oito da candidatura residente en Cervo.

"O rumor que hai nas rúas é que van levantar as restricións o fin de semana para encerrarnos cando pasen as eleccións", comenta en declaracións a Europa Press Iván Lombardero, que se desprazou de Ribadeo a Santiago o pasado luns para participar no debate organizado pola Radio Galega.

Un traxecto que realizou cun salvoconducto e, mesmo, cunha papeleta de Marea Galeguista para xustificar o seu desprazamento ante as forzas da orde no caso de atoparse un control. Con todo, non se atopou ningún, nin á ida nin no seu regreso a Ribadeo, onde permanecerá ata a xornada de votación.

Punto de control da Garda Civil de Tráfico na entrada á Comunidade galega a través de Ribadeo, municipio limítrofe co Principado, en Ribadeo, Lugo, Galicia (España) a 6 de xullo de 2020. Carlos Castro - Europa Press
Punto de control da Garda Civil de Tráfico na entrada á Comunidade galega a través de Ribadeo, municipio limítrofe co Principado, en Ribadeo, Lugo, Galicia (España) a 6 de xullo de 2020. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta