A Xunta convoca axudas para viveiros e explotacións agrícolas afectados por organismos de corentena

O prazo de solicitude iniciarase este sábado, 11 de xullo, e estará aberto durante un período de 3 meses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2020 | Actualizada ás 12:51

Comparte esta noticia

A Xunta convocou axudas por valor de 65.000 euros destinadas a viveiros e explotacións agrícolas que resultasen afectados por organismos de corentena e o prazo de solicitude para acceder ás mesmas permanecerá aberto durante un período de tres meses que se iniciará este sábado, 11 de xullo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a orde da Consellería do Medio Rural na que se establecen as bases reguladoras para a concesión destas indemnizacións en materia de sanidade vexetal, segundo precisou este departamento autonómico nun comunicado.

Estas subvencións estarán dirixidas a persoas físicas ou xurídicas e entidades sen personalidade xurídica cuxos produtos vexetais se visen afectados por medidas fitosanitarias adoptadas pola declaración dunha praga para a que se establecese un plan de erradicación.

En concreto, os organismos cuxa afectación se poderá compensar provén dun fungo que afecta o piñeiro, o 'fusarium circinatum'; outro que provoca danos en plantas de arándanos, a 'thekopsora minima'; o 'psílido africano', que ataca aos cítricos, e a tecia solanivora da pataca.

Deste xeito, serán subvencionables os procesos de destrución, desinfección e esterilización, así como calquera outro tratamento destinado a vexetais, substratos de cultivo e terreos cuxa contaminación fose recoñecida. Tamén se poderán conceder axudas para materiais de produción, acondicionamento, embalaxe e almacenamento, ademais de para medios de transporte que estivesen en contacto cos vexetais.

Adicionalmente, a orde contempla destinar as subvencións a inspeccións e probas efectuadas de modo oficial ou debido a unha petición deste carácter para comprobar a presenza de contaminación ou o grao de afectación de organismos nocivos aos cultivos.

Tractor sementa patacas no municipio coruñés de Coristanco. EP
Tractor sementa patacas no municipio coruñés de Coristanco. EP | Fonte: REMITIDO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta