Por Europa Press / Redacción | MADRID | 13/07/2020 | Actualizada ás 13:49
Só o 44,74 por cento dos electores do Censo de Residentes Ausentes (CERA) chegou a depositar o voto nas eleccións celebradas este domingo en Galicia, o que sitúa o nivel de votación no 1,24 por cento do total de electores con dereito a sufraxio, segundo as cifras provisionais que as Embaixadas e Consulados facilitaron ao Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación.
No caso das eleccións galegas, votaron 5.726 persoas, das cales 4.888 fixérono por correo e 838 en urna nos Consulados. Así, exerceron este dereito un 44,74 por cento das persoas que solicitaron o voto para esta cita electoral. É un 1,24 por cento do censo exterior para este proceso, que ascende a máis de 463.000 persoas, o 17 por cento do total do censo galego.
O voto da emigración caeu de forma histórica. De feito, o punto de partida foron as 12.359 solicitudes do Censo de Residentes Ausentes (CERA), unha cifra que é practicamente a metade que na cita autonómica de 2016 e que é a máis baixa de todo este século.
En canto ás peticións realizadas para votar (que non sufraxios emitidos), na Coruña contabilizáronse 4.609; seguida de Pontevedra, con 3.496; Ourense, con 2.818; e Lugo, con 1.436 peticións de voto. A eles, hai que sumar os votos dos residentes temporalmente no estranxeiro, que alcanzan as 117 peticións (62 na Coruña; 30 en Pontevedra; 14 en Ourense e 11 en Lugo).
Por países, o maior número de solicitudes do censo de residentes ausentes rexistrouse en Cuba, con 1.945 peticións. Aínda que o país con maior número de electores é Arxentina (con 1.444 peticións de voto nestas eleccións para o 12 de xullo), queda por detrás de Venezuela (1.720) en solicitudes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.