Bugallo cre que o incendio de San Paio foi provocado e di que os propietarios deben limpar os seus montes

O servizo de comedor escolar en Santiago continuará en xullo e agosto grazas á colaboración de Afundación

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/07/2020 | Actualizada ás 14:18

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, considerou que o incendio forestal rexistrado o pasado venres na parroquia compostelá de San Paio foi "provocado" e lembrou aos propietarios que é a súa responsabilidade limpar os montes privados.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo | Fonte: Concello.

O rexedor dixo que hai indicios que "fan temer" que tanto este lume como o anterior rexistrado na zona foron "provocados", como o feito de que contasen con "máis dun foco". "Non é razoable pensar que se volva reproducir un incendio no mesmo sitio con 11 días de diferenza", destacou.

Do mesmo xeito, e ante as voces que piden maior limpeza de maleza na zona, o alcalde lembrou que "o Concello ten que limpar os montes públicos", pero son os veciños os que "teñen que limpar as súas propiedades".

En Compostela, explicou, existen "algo máis" de 100.000 parcelas en mans privadas, "en moitos casos como unha propiedade compartida ou repartida" entre varios propietarios.

COMEDORES ESCOLARES

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns a continuidade do servizo de comedor escolar durante os meses de xullo e agosto, unha medida cuxo custo será asumido por Afundación e que se prestará nos centros socioculturais de Cornes e Vite.

Bugallo explicou que foi Afundación a que ofreceu a varios concellos a posibilidade de asumir este servizo, unha opción á que se adscribiu Santiago.

Con iso, aquelas familias que o desexen poderán seguir accedendo ao servizo de comedor escolar durante os meses de xullo e agosto. Unha vez comezado o curso, e levantada a suspensión do contrato coa empresa que presta os servizos, o Concello volverase facer cargo do seu financiamento, apuntou o rexedor.

Afundación, a través do seu programa 'Cubertos' proporcionará ata 200 menús diarios, de maneira gratuíta, de luns a venres, para cubrir as necesidades de alimentación dun número igual de persoas menores de idade. O obxectivo é apoiar as familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo aos nenos unha alimentación saudable durante o verán, período no que se interrompen as bolsas comedor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta