A Xunta convoca o proceso de selección de 20 actores para o elenco das tres próximas producións do CDG

O prazo remata o luns 27 de xullo.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/07/2020 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o anuncio polo que se fai pública a convocatoria para a selección das 20 prazas de actrices e actores que interpretarán o próximas tres producións propias do Centro Dramático Galego (CDG), correspondentes á tempada escénica 2020-2021.

Centro Dramático Galego e Butacazero porán en escena 'Camiños'
Centro Dramático Galego e Butacazero porán en escena 'Camiños'

Os títulos, aínda provisionais, destes espectáculos son 'O charco de Ulises', obra de Santiago Cortegoso que el mesmo codirigirá con Marián Bañobre; 'Terceiro acto', con dramaturxia e dirección de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, e 'Serva me, servabo te', con Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta.

En concreto, a través deste proceso elixirase o actor protagonista e o nove principais que levarán ás táboas 'O charco de Ulises', así como o elenco de cinco intérpretes con categoría de principais para 'Terceiro acto' e 'Serva me, servabo te', neste último caso conformado especificamente por actores e actrices que combinen esta faceta coa de bailaríns e bailarinas.

Segundo as bases publicadas na web da Agadic, as persoas interesadas en optar a estas prazas deberán presentar as súas solicitudes, xunto co resto de documentación requirida, desde este martes e ata o luns 27 de xullo, preferiblemente por vía electrónica á dirección audicions.cdg@xunta.gal. Os intérpretes poden formalizar a súa candidatura aos tres proxectos, aínda que só poderán ser seleccionados nun deles debido á coincidencia temporal nas súas diferentes fases de produción e exhibición.

Para ser admitidos, as persoas aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ou ben solicitando unha avaliación lingüística específica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta