Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 20/07/2020 | Actualizada ás 11:30
Hai que di que, como consecuencia dos resultados electorais do 12X, Galicia vén de convértese, unha vez máis, no preludio do que os sistémicos puros e duros, emulando a aquel Borbón francés, resumirían coa sentenza «Madrid ben vale unha misa», para deixar constancia de que iso que os homes de Estado denominan interese xeral (que sempre é o menos xeral dos intereses) non sucumba mercé á súa abulia habitual. É evidente que non é a primeira vez que lle damos a maioría absoluta a Feijoo para que evite que os intereses galegos prevalezan sobre os do Estado; mais o domingo pasado talvez lla deramos para que o faga sen máscara, e así poder presentala como o salvoconduto que lle permitirá −agora si− a entrada triunfal no “paraíso do centralismo”, nesta ocasión co argumento supremo de levar a bo porto a gran coalición PP-PSOE, que don Alberto non deixa de propor cada vez que ten ocasión, tan necesaria para que a «España una», non tan grande e menos libre, sacuda a poeira separatista e comunista que acotío abafa o seu ser. Por iso non se esqueceu de lembrarnos, no discurso da vitoria, que el era o representante do Estado en Galicia. Iso si, omitiu adrede que os homes de Estado onde deberían estar, para cumprir ben os seus designios, é na capital do Estado.
Nesa mesma liña argumental, tamén hai quen di que o PSOE de acá, sempre tan disposto a escribir a historia coa caligrafía que lle gusta ao de acolá, como se empeña en insinuar o propio Caballero para non ter que dicilo expresamente, seica non se esmerou moito na tarefa de esfandangarlle o éxito ao dos Peares, quen non perde ocasión para practicar o español e mesmo ir apagando o pouco acento galego que lle queda, a fin de que o entendan perfectamente na capital do reino sen ter que botar man dun intérprete.
[O meu tío Lisardo pensa que só resta, por tanto, que os leriantes madrileños e compañía reciban as ordes oportunas da autoridade competente, para pór en órbita o ciclón que non deixará de soprar ata arredar cara a beirarrúa ao tal Casado e sacarlle a chambra definitivamente a Pablo Iglesias, a fin de que Pedro Sánchez e Feijoo –ou Feijoo e Pedro Sánchez− salven a España da hecatombe].
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.