Corrupción: suma e segue

O volume de episodios que se están coñecendo no penoso capítulo da corrupción política ameaza con chegar a un punto de saturación informativa que pode provocar unha certa desconexión entre amplos sectores da opinión pública.

Por Xesús Veiga | Compostela | 26/02/2013

Comparte esta noticia
Os dous partidos mais determinantes no sistema político español –PP e PSOE- mantiveron, durante os últimos anos, unha mesma filosofía a respeito do tratamento dos casos de corrupción que afectan a cargos ou representantes políticos:a solución mais apropiada consistía na tramitación de todos os incidentes na pertinente sede xudicial.Aplicando esta lóxica, desaparecía ou ficaba nun segundo plano a propia actuación no ámbito das responsabilidades políticas.Os partidos non tiñan mais que agardar as decisións das instancias xudiciais  correspondentes:se había condena, a persoa afectada debería abandonar o cargo; mentres iso non ocorrese, podería manter plenamente a súa actividade pública.O estoupido do “affaire Gürtel” e, por outra banda, a dimisión inmediata protagonizada por aqueles representantes do BNG que resultaron imputados nalgúns procesos, obrigou a modificar parcialmente a liña de conduta dos grandes partidos:a partir dese momento asumen a dimisión das persoas que son imputadas e van ao cárcere ou daquelas que deben facer fronte a unha fianza.Iso si:a última palabra nesta materia pertence ao máximo dirixente da organización nunha singular demostración práctica do tantas veces caricaturizado “culto á personalidade”.
 
Algúns queren ver a corrupción como un subproduto inevitábel da propia existencia do sistema capitalista.Sendo certo que a filosofía da obtención do máximo lucro privado, característica desta forma de organizar a vida económica e social, crea condicións favorábeis para que se rexistren actos de enriquecemento ilícito e/ou desproporcionado, non cabe establecer un simplismo explicativo que impida dar conta do sucedido noutros sistemas pretendidamente  alternativos (a URSS no seu momento e China na actualidade).A actitude ante a corrupción é un bo test para medir a calidade das normativas vixentes nun pais e a catadura moral imperante no corpo social.En Alemania dimitiron, recentemente, membros do goberno federal ante informacións que puñan en dúbida a orixinalidade das súas teses de doutoramento.Non fixo falta a existencia dunha imputación xudicial:abondou coa gravidade que se lle outorga nesas latitudes á mentira.Quen engana no seu currículo académico non pode asumir a xestión dos asuntos públicos.
 
Outro lugar común nos discursos que se emiten  sobre este asunto é o afán de sinalar manobras conspirativas de tal ou cal grupo político, económico, mediático ou xudicial.Se facemos caso dalgunhas desas teimas estariamos mirando todo o día para o dedo e non observariamos a lúa.Que hai xuíces ou xuízas que padecen o síndrome Garzón?Sen dúbida.Que hai grupos de comunicación que desexan arruinar ou consolidar determinadas alternativas políticas?Por suposto.Qué hai partidos que queren espallar o lixo para que non se contemplen as miserias propias?Dende logo.Pero a cuestión fulcral é distinta:existen ou non existen comportamentos incompatíbeis coa lei e/ou coa ética esixíbel a un representante da cidadanía?Tomemos o exemplo do concello de Santiago:mais alá do que finalmente resulte no proceso xudicial aberto, hai indicios relevantes de que varias persoas vinculadas ao goberno do PP incorreron en prácticas que se poden cualificar como tráfico de influencias e/ou suborno.E fixérono cando xa estaban en marcha os procedementos instruídos no caso Gürtel.Ou sexa:no PPdG non tomaron medidas para evitar a repetición do sucedido en Madrid e na Comunidade valenciana.Velaí a verdadeira culpabilidade –en termos políticos- dos dirixentes desta organización política.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.