Os máis desvalidos ante o mal do Covid-19

A medicina historicamente asentou fundamentalmente en catro clásicos actos médicos: inspección, palpación, percusión, auscultación. E eses tiñan de seren absolutamente persoais e presenciais por parte dos entendidos nesas artes do curar e coidar. Só en casos de imposibilidade física se podían recibir orientacións supletorias a distancia.

Por Xaquin Campo Freire | Guitiriz | 22/07/2020

Comparte esta noticia

Pero iso sempre con carácter extraordinario e mentres non se podía chegar coa atención profesional sempre presencial, (con presenza e achegamento físico), e logo con derivación, se for do caso, a centros especializados: “veu o médico e ‘hai que saír’ ”, dicían con bágoas na miña infancia. Naturalmente a escoita activa e empática do propio paciente e contornas familiares non poden faltar nunca.

Unha traballadora da Residencia de Maiores Pablo Neruda (C
Unha traballadora da Residencia de Maiores Pablo Neruda (C | Fonte: Santa Clara, 1, Ciempozuelos, Madrid) fala cunha residente durante o 'Día dos Maiores', unha celebración convocada pola Asociación de Vítimas do COVID-19. En Ciempozuelos, Madrid (Espa. Jesús Hellín - Europa Press

Agora coas novas tecnoloxías certamente avanzouse moito e cómpre abrirlles a porta grande ás novas potencialidades naquilo no que realmente sexan capaces de humanizar e facer mellor a atención e os coidados. Dáse en chamarlle TELE-MEDICINA. O prefixo grego, têle, é un elemento de formación de palabras que significa lonxe, ao lonxe, á distancia: tele-asistencia, tele-fono, tele-visión, tele-dirixir, etc. Pero ten máis vocación, ao parecer, de tele- lonxanía, distanciamento, invisibilización, ocultamento, non escoita, silenciamento, etc., que do segundo elemento: -medicina.

 mira por onde o mercantilismo xa atopou unha trapela para facer unha asistencia a distancia, principalmente na atención primaria e para os sectores populares e para máis pobres. “A teleasistencia dos tempos da pandemia chegou para quedarse”, dixo o Sr. Feijoo. Que regalía se fose verdade! Pero con verdade verdadeira. Unha mínima anamnese é necesaria. Pero agora nestes casos case sempre xa é só unha heteroanemnese por aproximación.

Pero, a que modelo invoca el e a cal se está a referir? Sexamos realistas e preguntémonos por algo tan elemental: Como se está a facer agora mesmo? Porque non é un concepto unívoco nin moito menos unha realidade inocente: (in-nocens, que non fai dano). Os poderosos e os economicamente ben situados terán sempre acceso directo á medicina privada ou mediante pólizas de seguro para iso hai que ter medios económicos para subscribilas e pagalas. E os débiles? E os pobres? E os empobrecidos?

 Sempre tes que empezar por chamar por teléfono. Logo don Xoán Paisano xa se ve sumido e enredado na maraña dun bucle telemático de preguntas e respostas, de mensaxes pouco claras, de marcaxes de infindas ringleiras de preseleccións onde rematas case sempre no mesmo: sen resposta ningunha ou non axeitada. E, cima de todo, coa rabia de sentirte culpábel “por inútil e ignorante” diante do imperio dos “sabios”, disfrazados da nova deusa salvadora: a informática. Pobres vellos, curtos de vista, discapacitados de varias clases, solitarios, os que non saben leren (e non quero dicir ‘analfabetos’, por ser hoxe insultante e descalificador), tolleitos das mans, en cadeiras de rodas, estranxeiros ou non coñecedores das reviravoltas do país de chegada. Etc.

Eu que fun enfermeiro por moitos anos, prestando coidados a pé de cama, tocando pele, sandando chagas, escoitando penas e enxugando bágoas de enfermos e familiares levo moi mal isto ‘do abuso’ da tele-medicina que, ademais non sei ben por que, (ou si o sei), sóame a non sincera. Hai coma un tufo. Xa sei que no mundo do mar e incluso nos avións e en moitas urxencias vitais, nas paraxes máis difíciles e sen máis medios do que as mans, a palabra, e moitas veces o silencio impotente, pero sempre empático e de escoita activa e comprensiva, pódese así salvar vidas e dar consolo e non deixar en soidade a quen precisa de sentirse arroupado e querido. Pero eses son momentos de excepcionalidade.

Porque o que é a medicina, a enfermería, o ensino, a axuda social aos desvalidos, etc., non as concibo sen esa vocación de inclinárense sobre o irmán ferido como fixo o persoal de servizos múltiples e humanitarios na pandemia do coroa-virus, sen medios axeitados e mesmo pondo en perigo as súas vidas nesa entrega aos pacientes. Estiveron presentes a pé de doentes e desbordados e envoltos en pandemia. De feito, cantos morreron, illados, en soidade absoluta, e outros fican aínda con eivas e secuelas. E por seren sempre os máis esquecidos quero salientar de entre eles a todas e todos compañeiras/os da limpeza e servizos de hixiene absolutamente básicos.

Unha solidariedade e afecto para os traballadoras/es das residencias de anciáns, tantas veces invisibilizados, deixados, silenciados, maltratados, e mesmo tele-acusados de  abusos e deixadeces cando son eles os que realmente viñan sendo afogados nas palabras  reiteradas de denuncia contra da deshumanización. Solidariedade e gratitude para todas elas e eles. Non esquezamos que é un sector maioritariamente feminino. E saibamos e teñamos moi en conta que cada unha e cada un ten detrás a súa propia familia que xeran, cargan e aumentan as preocupacións cotiáns con medos reais de contaxios a quen son os seus propios fillos, compañeiros/as, pais-nais, etc. E a quen tamén teñen de protexeren e de quen han de illárense con dor principalmente no propio fogar.

Non quero maldicir tebras porque sempre é mellor acender luces. Pero agora, e xa desde hai tempo, cando os sistemas economico-políticos, mercantís e burocráticos atoparon a oportunidade e os medios de enriquecérense co máximo lucro, a mínima inversión ou gasto e a explotación sen medida dos traballadores, daquela agora xa estamos nunha sociedade camiño da nova escravitude da eliminación das persoas “non rendíbeis”.

Que pasou e segue a pasar cos xeriátricos e casas de acollida de anciáns nas que se veu destapar co coroa virus unha forma tan cruel e deshumanizadora de viviren e morreren?
Alguén deixou caer sen pudor que o coroa-virus tivo un efecto sanante para ‘os sistemas’: eliminar pola vía rápida, sen gastar metralla, a unha pléiade insoportábel de vellos inútiles, pasivos e consumidores. E tivo nas redes aplausos e consideracións aprobatorias. Iso para a plebe. E xa non falemos dos presos.

Pero cando se trata dos familiares e amigos dos poderosos todo o sistema público, sen limitación de medios e persoas, pasa por diante de quen sexa para centrarse ‘nese caso’. Lembran o da señora Aguirre? Está nas hemerotecas. E todos nos alegramos sinceramente de que salvaran a súa saúde cunha intervención de prevención precoz. Pero xa nos gustaría que calquera don José de Vallecas tivese a mesma atención ca ela, sen que lle pasase por diante ninguén con criterios estritos de xustiza e ciencia médica.

La Voz de Galicia, El País, Galicia Confidencial, Radio Nacional, Cadena Ser, TVE., etc., enchéronnos de informes deses abusos e malas praxes durante anos. Só con ir a Google están aí e seguen aí. Do mal xa se sabía desde hai tempo. Dos malos tratos, do maltrato e abusos, tamén. Pero era mellor calar e seguir co enredo. Esa era a política. Pero tamén o silencio da sociedade en xeral. Ollos que non ven, ... De quen son os xeriátricos e quen está detrás dando medallas a esas entidades?

"Chegou un tempo 'novo', pero non é tan certo (seguro) que chegase a 'normalidade'”, escribiu o bispo de las Heras. Mudaremos algo, todos e cada un, nesta nova normalidade? Porque é cousa de todos e cada un. Seguiremos avanzando nesta análise do problema agora que xa estamos fóra de tirapuxas electorais.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xaquin Campo Freire Nado en San Xiao de Roca-Guitiriz, Lugo, en 1937. Licenciado en Teoloxía Pastoral Sanitaria por Roma. ATS-DUE. Experto Universitario en Enfermaría Comunitaria e tamén en Urxencias e Coidados Itensivos. Diplomado en Coidados Paliativos. Traballou de enfermeiro no Hospital Marcide de Ferrol e no PAC de Fene. Foi capelán da Residencia de Anciáns de Piñeiros-Narón. Na actualidade é director do Centro de Acompañamento e Relación de Axuda e Director da Escola de Saúde e Centro de Escoita Activa “Mons. Araúxo”. Membro das Sociedades Española e Galega de Xeriatría, do consello de redacción da Revista “Encrucillada", da Asociación de Escritores en Lingua Galega e participou con ponencias en diversos Congresos. Ten escrito numerosos artigos relacionados coa saúde. Leva varios anos exercendo un voluntariado no Cárcer de Teixeiro (A Coruña). Ten dous libros escritos. 1) A viuvez na Pastoral da Saúde. Un estudo sobre da viuvez na Galiza. 2) Ese que está no cárcer é meu irmán. Sobre a vida dos nosos reclusos e as súas familias, sen esquecer o problema das vítimas.