A máscara será obrigoria desde este domingo en toda Galicia

Pode retirarse en bares só tomar a consumición e recoméndase o seu uso en espazos privados nos que se reúnan persoas que non conviven.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2020 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

A obrigatoriedade de levar máscara en Galicia "en todo momento", salvo algunhas excepcións, está en vigor desde as 00,00 horas deste domingo.

De acordo coa resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), as persoas maiores de seis anos de idade están obrigadas a usar este elemento de protección na vía pública e espazos ao aire libre e tamén en espazos pechados de uso público ou que se atopen abertos ao público, mesmo no caso de que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Ata o momento, se as persoas podíanse situar con esta separación, podíase prescindir da máscara. Desde agora será obrigatorio usala en bares e restaurantes, nos que poderá retirarse só no momento específico do consumo e deberá volver colocarse o resto do tempo que se pase nestes establecementos ou nas súas terrazas.

Entre as excepcións están esta e outras como o deporte ao aire libre individual se se poden manter dous metros de distancia, os casos de persoas con algún tipo de enfermidade respiratoria ou que presenten alteracións de conduta que fagan "inviable" levala posta ou no momento do baño ou mentres se estea na praia ou a piscina sen moverse. Para acceder a estes lugares e para desprazarse ou pasear por eles si haberá que levala posta.

Tampouco será necesario o seu uso dentro dun turismo se todos os que van a bordo conviven e cando se dean "supostos de forza maior", unha "situación de necesidade" ou se o seu uso resulta incompatible coa actividade que se estea realizando pola súa propia natureza.

A resolución da Xunta inclúe tamén a recomendación de que as persoas que coincidan en espazos privados, como un domicilio particular, sexan abertos ou pechados, usen máscara "no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non convivientes", aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal.

Por outra banda, "queda expresamente prohibido" o consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, parques e prazas ou outros lugares de tránsito público, o que se coñece como botellón.

O texto xustifica que o uso xeneralizado da máscara está a demostrar ser "unha das medidas máis eficaces" para previr a transmisión da COVID-19, polo que "resulta necesario reforzar a súa utilización" para evitar, "especialmente, que as persoas asintomáticas que non coñecen a súa condición de portadoras da infección" contaxien a outras.

A resolución lembra que este elemento debe ir correctamente colocado e cubrir unha parte do tabique nasal e ata o queixo, incluída. Non poderá ter unha válvula exhalatoria, salvo para o caso de profesionais para os que se recomende este tipo de máscara.

Varias persoas nunha terraza dun restaurante de Madrid (España), a 22 de xuño de 2020.. Ricardo Rubio - Europa Press
Varias persoas nunha terraza dun restaurante de Madrid (España), a 22 de xuño de 2020.. Ricardo Rubio - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta