Un profesor da USC, sobre o lecer nocturno: "É incompatible coa situación actual"

"Sempre que paseemos ou recibamos a alguén no noso grupo na praia debemos pór a máscara", insistiu Caamaño Isorna.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2020 | Actualizada ás 22:35

Comparte esta noticia

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e epidemiólogo Francisco Caamaño Isorna considerou que existe un "problema grave" co lecer nocturno: "Tendo a pensar que é incompatible coa situación epidemiolóxica actual".

Nunha análise remitida pola USC este mércores, Caamaño Isorna manifestou que a obrigatoriedade de usar máscara nos locais de hostalaría e que se poida retirar só para o momento de consumir non é "nada imposible" e pediu un cambio na forma de relacionarse. "O determinante é a actitude social", dixo.

Coa situación actual de "numerosos rebrotes" de COVID-19 en Galicia e en España é necesario manterse "alerta", sinalou. "A utilización da máscara en todas as situacións, na medida en que visibiliza a pandemia, axuda a controlala", reflexionou. Aínda que "probablemente en Galicia neste momento non hai transmisión comunitaria", dixo, é necesario estar vixiantes porque "a situación pode cambiar en calquera momento".

O experto lembrou que se debe tentar "minimizar o contacto estreito con non convivientes" en calquera situación, pero tamén na praia. Nos areais pode prescindirse da máscara para o baño e se se está queto nun lugar concreto e a dous metros das persoas coas que non se convive. "Sempre que paseemos ou recibamos a alguén no noso grupo debemos pór a máscara", insistiu Caamaño Isorna.

Sobre a posible transmisión do virus polo aire, o epidemiólogo indicou que "é unha cuestión semántica" e que "a principal vía de transmisión son as pingas" e pode haber "unha transmisión por aire oportunista ou por aerosois en contextos moi específicos". "O problema é que, se falamos de transmisión por aire, a maior parte da xente pensará na tuberculose, o sarampión ou a varicela, e a transmisión da COVID-19 está moi lonxe dese mecanismo", explicou.

Discoteca
Discoteca | Fonte: Malagalabombonera en Wikimedia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta