Os veciños da comarca de Verín únense para protexer os montes e a paisaxe

Os propietarios do monte veciñal da localidade de Laza ábrense a colaborar coa Asociación Galega de Custodia do Territorio para manter a diversidade do enclave.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2020 | Actualizada ás 20:40

Comparte esta noticia

A ourensana localidade de Laza foi escenario, o pasado 20 de xullo, dun encontro que promete ser de utilidade para a conservación da biodiversidade da comarca de verín. A reunión en cuestión tivo lugar entre representantes da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Laza -unha das 2.800 comunidades que no noso país xestionan porcións de monte- e membros da Asociación Galega de Custodia do Territorio.

Río Támega
Río Támega | Fonte: SkyscraperCity

O obxectivo do encontro, que rematou con tintes satisfactorios, foi o achegamento de primeira man por parte da AGCT ás zonas do monte con maior interese para a conservación da biodiversidade de cara á posibilidade de establecer un acordo de custodia do territorio entre ambas as partes. O posible acordo, apuntan dende a Comunidade de Monte Veciñal, xurdíu a raíz dunha reunión cun representante do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que, segundo apuntan, lles adiantou as posibilidades da custodia do territorio, unha ferramenta baseada en acordos voluntarios que, apuntan, xa é empregada con éxito por varias CMVMC galegas.

A CMVMC de Laza, Cimadevila e Souteliño conta cunha superficie total de 2.451 ha, constituíndo unha parte significativa da conca do río Támega, a cal forma parte da Rede Natura 2000, delimita o propio monte en varias zonas e constitúe un corredor ecolóxico fundamental no municipio. Nese sentido a comunidade considera unha das súas prioridades a recuperación e ampliación do bosque autóctono en todos os regatos afluentes do Támega, destacando o canón do río Cabras, unha das paraxes que a AGCT tamén sinalou como estratéxica.

LOITA CONTRA INCENDIOS

As medidas de restauración, prevención e loita contra os incendios forestais marcan o norte no compás da comunidade. Segundo apunta, ao longo das dúas últimas décadas recuperáronse máis de 800 ha de zonas que foron destruídas por incendios, ben mediante plantacións, ben con axudas á rexeneración natural, á vez que se foron eliminando progresivamente os rodales de especies exóticas como o eucalipto e favorecendo a expansión das frondosas autóctonas.

Así mesmo habilitáronse charcas e pequenos encoros para poder cargar motobombas e medios aéreos de extinción. Estes puntos de auga tamén foron valorados como estratéxicos pola AGCT porque ofrecen un hábitat moi valioso para as maltreitas poboacións de anfibios e que poden mellorar as súas características ecolóxicas con algunhas intervencións, todo iso susceptible de enmarcarse nun acordo de custodia do territorio. Ademais está previsto estudar a fauna que habita no interior das antigas minas de wolframio que hai no monte, un hábitat potencial para fauna protexida como é o caso de diferentes especies de morcegos.

PRÓXIMOS PASOS

Ambas as partes acordaron seguir estudando as posibilidades de mellora ambiental deste monte, principalmente de orientación produtiva pero que pola súa situación estratéxica nas estribacións do chamado Macizo Central Ourensán, pode ter gran importancia para a conservación de distintas especies ameazadas en Galicia. A AGCT comprometeuse a trasladar unha proposta máis detallada á CMVMC de Laza, Cimadevila e Souteliño co fin de establecer a través un acordo de custodia do territorio as bases para traballar a longo prazo na mellora e conservación deste espazo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta