Unhas 850 hectáreas calcinadas en tres incendios na provincia de Ourense

O segundo está estabilizado desde as 13,20 horas deste sábado.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 25/07/2020 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O incendio que afecta desde o xoves a Viana do Bolo (Ourense) está estabilizado desde as 13,20 horas deste sábado, segundo informa a Consellería do Medio Rural. As chamas arrasaron, segundo as últimas estimacións, un total de 250 hectáreas.

Incendio en Monterrei
Incendio en Monterrei | Fonte: Batallón T-15 (@Batallont15).

A Xunta considera que este incendio foi provocado ao iniciarse na parroquia de Viladremilo en cinco puntos diferentes.

Ata o momento despregáronse na zona un técnico, 17 axentes, 46 brigadas, 21 motobombas, dúas pas, oito helicópteros e oito avións.

Pola súa banda, continúa activo o incendio de Flariz, no concello ourensán de Monterrei, que calcinou 450 hectáreas no que polo momento é o lume máis grande da tempada estival en Galicia.

Este incendio obrigou a decretar ao longo da madrugada do sábado a alerta pola proximidade do lume ás casas (coñecida como 'situación 2'), desactivada á primeira hora da mañá.

A última estimación ofrecida pola Consellería do Medio Rural cifra en 450 hectáreas a superficie afectada, 50 menos do limiar que marca a consideración de gran incendio forestal.

Nas tarefas de control mobilizáronse ata o momento un técnico, 13 axentes, 25 brigadas, 20 motobombas, dúas pas, sete helicópteros e doce avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Por último, permanece controlado desde o mediodía do venres o lume declarado o mércores na parrroquia de Queirugás, en Verín (Ourense). A estimación de superficie afectada continúa nas 144 hectáreas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta