Evacuado en helicóptero tras sufrir unha caída na Lama

A aeronave tamén se tivo que desprazar a Salvaterra tras atoparse outro home inconsciente no medio dun carreiro.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 27/07/2020 | Actualizada ás 10:20

Comparte esta noticia

O helicóptero medicalizado con base en Santiago acudiu na tarde do domingo ao concello pontevedrés da Lama para rescatar a un home que sufrira unha caída na zona das pozas da fervenza da Fírveda.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, foi un compañeiro do senderista o que se puxo en contacto co 112 Galicia sobre as 18,30 horas para informar da situación e solicitar asistencia sanitaria.

As condicións do terreo, rochoso e de difícil acceso, fixo necesaria a evacuación do ferido na aeronave para que fora atendido no centro hospitalario de referencia pola caída, na que se fixo un traumatismo no ombreiro.

Ademais dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, pediuse a colaboración dos Bombeiros do Salnés, dos axentes da Garda Civil e tamén se pasou o aviso aos membros de Protección Civil de Oitavén-Tea.

ASISTENCIA EN SALVATERRA DE MIÑO

Por outra banda, hora e media máis tarde, ás 20,00 horas, a mesma aeronave desprazouse ata Salvaterra de Miño para prestar asistencia a un home que foi atopado inconsciente no carreiro do río Mendo.

O 112 Galicia tivo constancia do desprazamento do helicóptero ao ser informado o equipo de urxencias sanitarias. De feito, para prestar apoio na aterraxe, desde o 112 solicitouse a intervención do GES-SPEIS Ponteareas, dos axentes da Garda Civil e tamén se informou á Policía Local.

Rescate de persoas
Rescate de persoas | Fonte: SALVAMENTO MARÍTIMO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta