Non hai doce sen trece

«Y ya entran nuestros héroes en la Historia / esgrimiendo la justicia inexorable / con mosquetes cargados de victoria / con espadas de acero inoxidable.» (Ya el sol se asomaba en el poniente, Les Luthiers).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 28/07/2020

Comparte esta noticia
Hai quen di que, como consecuencia dos resultados electorais do 12X, Galicia vén de convértese, unha vez máis, no preludio do que os sistémicos puros e duros, emulando a aquel Borbón francés, resumirían coa sentenza «Madrid ben vale unha misa», para deixar constancia de que iso que os homes de Estado denominan interese xeral (que sempre é o menos xeral dos intereses) non sucumba mercé á súa abulia habitual. É evidente que non é a primeira vez que lle damos a maioría absoluta a Feijoo para que evite que os intereses galegos prevalezan sobre os do Estado; mais o domingo pasado talvez lla deramos para que o faga sen máscara, e así poder presentala como o salvoconduto que lle permitirá −agora si− a entrada triunfal no “paraíso do centralismo”, nesta ocasión co argumento supremo de levar a bo porto a gran coalición PP-PSOE, que don Alberto non deixa de propor cada vez que ten ocasión, tan necesaria para que a «España una», non tan grande e menos libre, sacuda a poeira  separatista e comunista que acotío abafa o seu ser. Por iso non se esqueceu de lembrarnos, no discurso da vitoria, que el era o representante do Estado en Galicia. Iso si, omitiu adrede que os homes de Estado onde deberían estar, para cumprir ben os seus designios, é na capital do Estado.
 
Nesa mesma liña argumental, tamén hai quen di que o PSOE de acá, sempre tan disposto a escribir a historia coa caligrafía que lle gusta ao de acolá, como se empeña en insinuar o propio Caballero para non ter que dicilo expresamente, seica non se esmerou moito na tarefa de esfandangarlle o éxito ao dos Peares, quen non perde ocasión para practicar o español e mesmo ir apagando o pouco acento galego que lle queda, a fin de que o entendan perfectamente na capital do reino sen ter que botar man dun intérprete.
 
[O meu tío Lisardo pensa que só resta, por tanto, que os leriantes madrileños e compañía reciban as ordes oportunas da autoridade competente, para pór en órbita o ciclón que non deixará de soprar ata arredar cara a beirarrúa ao tal Casado e sacarlle a chambra definitivamente a Pablo Iglesias, a fin de que Pedro Sánchez e Feijoo –ou Feijoo e Pedro Sánchez− salven a España da hecatombe].

O presidente do PP, Pablo Casado (d), xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (i), durante a reunión do Comité Executivo Nacional do Partido Popular na sede nacional do partido, en Madrid (España), a 15 de xullo de 2020.. Ricardo Rubio - Europa Press
O presidente do PP, Pablo Casado (d), xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (i), durante a reunión do Comité Executivo Nacional do Partido Popular na sede nacional do partido, en Madrid (España), a 15 de xullo de 2020.. Ricardo Rubio - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.