Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/03/2013 | Actualizada ás 13:09
Galicia está mergullada nunha fonda crise. Hai empresas que pechan e outras que piden a axuda pública para pode subsistir. Pero, en Feiraco, a crise semella que pasou de largo, ou iso é o que anunciou este xoves a compañía.
E é que esta sociedade cooperativa facturou 104,7 millóns de euros en 2012, o que supón un crecemento do 2,5% sobre o ano anterior; e rexistrou un incremento dos beneficios antes de intereses, impostos e amortizacións do 5,6% e un aumento do 'cash flow' do 13%.
Nun "mercado difícil"
"Estes resultados obtivéronse nunha contorna de mercado difícil...Nun contexto de profunda crise no que o PIB caeu en España un 1,37% e onde, ao fin de 2012, o pequeno comercio acumulaba 29 meses consecutivos de caídas das súas vendas, a cooperativa incrementou as vendas das súas marcas 'Feiraco' e 'Unicla' consolidándose como a marca galega líder en Galicia tanto en volume de litros como en valor", subliña a empresa nun comunicdo.
Nos últimos sete anos, Feiraco investiu 7,4 millóns de euros. No último exercicio, un total de 1.400.000 euros destinounos ao plan de negocio e compra de Clesa, así como á súa xestión; ademais de a poñer en marcha unha nova liña de envasado 'slim', "que permite aumentar a capacidade produtiva en 25 MM litros", destaca.
"Líder en Galicia"
Os últimos informes sobre penetración e cota de mercado sitúan a Feiraco como o leite galego "líder en Galicia", resalta a cooperativa, "tanto no que respecta ao volume de litros como ao seu valor".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.