Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2025 | Actualizada ás 17:31
A Xunta deu luz verde ambiental ao proxecto para construír unha planta de almacenamento e valorización de residuos da construción e demolición en Cambre, concretamente, nunha nave do parque empresarial do Espírito Santo.
Promovida por Alsile3 SL, a planta ten como finalidade a clasificación, limpeza e valorización de residuos procedentes da construción e demolición, procedentes das obras de instalacións eléctricas, tanto domésticas como industriais, que executa o promotor. Así mesmo, almacenará tanto residuos como de materiais naturais de escavación dos traballos para a súa posterior valorización fóra da obra ou ben para valorizar a fracción apta.
Segundo conclúe o Informe de Impacto Ambiental (IIA), emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado este mércores no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.
O informe, segundo explicou a Xunta, foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, á vez que foron consultados un total de oito organismos interesados.
As avaliacións consideran que o proxecto "non vai ter impactos significativos" nos distintos ámbitos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nolos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais ou xestión de residuos.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor do deber de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente esixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade a través do DOG e da páxina web da Consellería, onde xa está dispoñible.
EXPLOTACIÓN DE VACÚN DE LEITE EN MAZARICOS
Noutra orde de asuntos, o Executivo galego tamén aprobou ambientalmente o proxecto para ampliar unha explotación de gando vacún de leite no concello Mazaricos supeditada ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental. O obxectivo é aumentar o benestar dos animais e mellorar o seu manexo.
A actuación, promovida por Carreira de Afonso SL, suporá que, unha vez completadas as intervencións, a nave principal ocupará 4.320 metros cadrados, dos que 3.720 metros cadrados útiles para as vacas e os 600 restantes é onde se atopan espazos como a lechería, sala de ordeño ou sala de espera.
ACUSAN Á XUNTA DE "INACCIÓN" ANTE ANULACIÓN CARNÉS FITOSANITARIOS
A deputada do BNG Sonia Vidal acusou á Xunta de "inacción" ante o problema derivado da sentenza xudicial que anula case 7.000 carnés de manipulador de produtos fitosanitarios. Pola súa banda, a conselleira de Medio Rural, María Jóse Gómez, replicou que o Goberno galego actuou cando estivo "lexitimado" para facelo.
No pleno do Parlamento, a nacionalista denunciou que a Xunta "deixou sen amparo a miles de persoas que hoxe non poden tratar as súas leiras".
Gómez, pola súa banda, asegurou que "se actuou en tempo e forma" e considerou que a deputada do Bloque fixo "o ridículo dando os datos" que deu na Cámara.
"En 2016 había denuncias e vostedes seguiron avalando eses cursos ata 2023. A Xunta non move ficha ata maio de 2025", incidiu Sonia Vidal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.