A Mariña apela á "confianza interna e externa" para afrontar a "nova normalidade" tras o rebrote

Sanidade eliminou as medidas sanitarias que pesaban sobre a comarca, ao darse por controlado o brote de coronavirus.

Por Europa Press / Redacción | Burela | 06/08/2020 | Actualizada ás 16:33

Comparte esta noticia

Alcaldes da comarca da Mariña de Lugo apelaron á "confianza interna e externa" para afrontar a "nova normalidade" na zona tras o levantamento das restricións impostas por parte da Consellería de Sanidade para facer fronte ao brote de coronavirus que se rexistrou nesta zona e que afectou a máis 200 persoas.

Dúas mulleres protexidas con máscaras pasean xunto a unha praia na Mariña lucense
Dúas mulleres protexidas con máscaras pasean xunto a unha praia na Mariña lucense | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Na xornada do mércores, a Consellería de Sanidade eliminou as medidas sanitarias que pesaban sobre a comarca da Mariña, ao darse por controlado o brote de coronavirus detectado na zona o pasado 23 de xuño. Os 14 concellos da costa lucense igualáronse xa ao resto de Galicia.

En declaracións a Europa Press, o alcalde de Burela, Alfredo Llano, dixo que o peche da comarca debido ao rebrote da Covid-19 "afectou moito á Mariña" tanto a nivel "económico como anímico". De todos os xeitos o rexedor burelense afirmou que a resposta da xente para poder controlar o brote da pandemia "foi moi positiva", o que agora lles dá "confianza interna e externa" para afrontar esta "nova normalidade".

Ademais, o lecer nocturno volverá subir o enreixado tras permanecer pechado desde o pasado día 12 de marzo, aínda que con limitacións de aforamento.

Respecto diso, o alcalde de Foz, Francisco Cajoto, pediu "responsabilidade á xente" e que usen "as máscaras" e sobre todo que "non se xunten grupos grandes de xente".

Cajoto asegurou que o peche do lecer nocturno, supuxo "un grave prexuízo tanto para empresarios, como para a economía local", xa que o impacto económico no municipio "é moi grande".

Mentres, desde a asociación provincial de empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo, cifraron en case un 25% a ocupación hoteleira na Mariña no mes de xullo. O presidente da asociación, Cheché Real, dixo que este resultado "é lóxico" polas circunstancias vividas na costa lucense.

Para Real o brote de coronavirus "supuxo a fuga de moita xente que xa estaba aloxada" e doutra "moita" que tiña pensado pasar "as súas vacacións na Mariña lucense", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta