Galicia e Portugal acordan controlar conxuntamente a evolución da covid tras a polémica polo rexistro de turistas

Os departamentos de sanidade compartirán información sobre os datos da pandemia nas súas áreas sanitarias.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/08/2020 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

Galicia e Portugal estreitarán os seus lazos a nivel sanitario para facer fronte á pandemia de covid. Así o comunicou a Consellería de Sanidade pouco despois da reunión telemática do conselleiro Vázquez Almuiña, co Secretario de Estado da Saúde do Ministerio de Saúde de Portugal, António Sales.

Paso fronteirizo entre Calvos de Randín (Ourense) e Tourem (Portugal).. SUP
Paso fronteirizo entre Calvos de Randín (Ourense) e Tourem (Portugal).. SUP

O obxectivo desta reunión foi establecemento dunha colaboración para intercambiar información sobre a evolución da situación epidemiolóxica por mor da covid-19, tanto en Galicia como en Portugal. Deste xeito, a comunidade autónoma galega facilitará datos correspondentes as súas áreas sanitarias, mentras que Portugal fará o propio coa información das súas rexións.

Dende a Xunta celebran este intercambio de información como un paso máis do "espíritu de colaboración" que "tradicionalmente manteñen Galicia e Portugal", un lazo que "cobra agora unha especial relevancia por mor da loita contra a pandemia mundial da covid-19". Dende a Consellería destacan, á parte, o "continuo tránsito de viaxeiros a un lado e outro da fronteira", que nos últimos meses xerou numerosas queixas e quebradoiros de cabeza.

Esta colaboración chega logo da polémica suscitada no país veciño despois de que a Xunta o incluíra na listaxe de viaxeiros que teñen que rexistrarse pola alta incidencia de casos covid nos seus lugares de procedencia. Posteriormente, e tras a polémica en Portugal, Feijóo recoñeceu que había que revisar os datos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta