A Xunta impón o peche de locais e limitacións na área metropolitana da Coruña polo aumento de casos de Covid-19

Anuncia o peche de locais nocturnos e verbenas, restrinxe as xuntanzas a dez persoas e o aforamento dos locais ao 50% en nove concellos desta comarca.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/08/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

O aumento de positivos de coronavirus na área sanitaria da Coruña e Cee levou á Consellería de Sanidade a decretar o peche do lecer nocturno no nove concellos que conforman a comarca da Coruña, así como a impor restricións que afectan a reunións e a actividades a distinto nivel. Ademais, en toda a área sanitaria suspendéronse as visitas e saídas das residencias e pecháronse os centros de día.

Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario
Un infectado de coronavirus sendo trasladado en ambulancia ao hospital por persoal sanitario | Fonte: © Miguel Núñez

Tras unha reunión este venres do comité clínico, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, recoñeceu que os brotes na área da Coruña, sobre todo o relacionado co ximnasio situado na localidade de Meicende, no municipio coruñés de Arteixo, que superou o medio cento de contaxiados, fai pensar nun "risco de transmisión comunitaria".

Por iso, ademais do peche do lecer nocturno na comarca da Coruña (que inclúe os municipios da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros, Cambre, Abegondo, Carral, Bergondo e Sada), Sanidade tamén decidiu que neste nove concellos quedan prohibidas as festas e verbenas "para limitar a transmisión", ante "a porcentaxe alta de persoas novas que son positivas e transmisores".

Así mesmo, desde esta medianoite, en todo a área sanitaria da Coruña e Cee suspéndense as visitas nas residencias da terceira idade e tampouco se permite saír aos residentes. Tamén se pechan todos os centros de día en toda esta área sanitaria.

HORARIO E CAPACIDADE

Ademais, nos municipios da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros e Cambre queda limitada a capacidade 50% en todas as actividades, así como a porcentaxe de clientes nos establecementos comerciais e de hostalaría; e limítase o horario de peche de bares e restaurantes ás 1,00 horas da madrugada. E nso nove concellos restrínxense as reunións privadas a un máximo de 10 persoas non convivientes.

Almuiña xustificou que se adoptaron actuacións "en ámbitos diferentes", xa que algunhas afectan a toda a área sanitaria e outras aos concellos da comarca da Coruña, algúns dos cales non rexistran casos.

O titular de Sanidade puntualizou que se incide no lecer nocturno porque unha porcentaxe "alta" de contaxiados son novos e sinalou que se avalan estas medidas tras rexistrarse un "incremento importante nas últimas 12 horas" de casos. "Queremos evitar mobilidade de noite de concellos co lecer pechado a outros con el aberto", aclarou.

No entanto, asegurou estas medidas, que entrarán en vigor na medianoite deste sábado, revisaranse "en cinco días" e xa foron trasladadas aos alcaldes dos concellos afectados desta área sanitaria. Ademais, indicou que manterán diariamente videoconferencias para informar os rexedores "día a día".

ANTICIPACIÓN

Almuiña comentou que a Consellería de Sanidade e o comité clínico buscaron "unha fórmula preventiva" á expansión do virus e incidiu en que os brotes desta área sanitaria "non teñen practicamente afectación no ámbito hospitalario", xa que hai un paciente na UCI e 9 noutras unidades de hospitalización.

Neste sentido, o doutor Pedro Rascado, membro do comité clínico, defendeu as "medidas preventivas" á vez que apelou á responsabilidade dos cidadáns para manter as medidas como uso de máscara, lavado frecuente de mans e distancia social. "O virus transmíteno os amigos e familiares e hai que ser moi estritos nas medidas", abundou.

Nesta liña, o médico de urxencias Tato Vázquez Lima, tamén integrante do comité clínico, subliñou que non se pode "volver atrás baixo ningún concepto", polo que apelou a "responsabilidade colectiva" e á "solidariedade coa xente maior".

SITUACIÓN

Sobre a situación epidemiolóxica da área sanitaria da Coruña, o xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, comentou que rexistra catro brotes familiares e outros dous importados, ademais do vinculado co ximnasio de Meicende, no municipio de Arteixo. Entre os brotes --que oscilan entre tres e seis casos segundo os datos achegados polo xerente-- inclúese o caso dun mariñeiro procedente de Namibia que contaxiou a familiares en Corcubión.

Campa indicou que a taxa de contaxios por 100.000 habitantes na área sanitaria da Coruña e Cee sitúase en 33,8, mentres que a de Galicia baixa a 13,6 e a de España elévase a 75,29. Neste sentido, destacou que é "o dobre que a media da comunidade e a metade do Sistema Nacional de Saúde".

No caso do brote na localidade de Meicende e as súas ramificacións, por parte da área sanitaria actualizaron que contabiliza 58 casos, unha vez realizados os rastrexos e estudos correspondentes.

Ademais, indicaron que segue detectándose algún caso relacionado coa contorna familiar de positivos detectados con anterioridade, así como algún caso illado. O número de PCR realizadas este xoves ascendeu a 479.

En canto ao brote rexistrado en Vimianzo, afecta a sete persoas, das que cinco están relacionadas cunha empresa cárnica. As mesmas fontes sanitarias puntualizan que o caso índice corresponde a un paciente que pertence a outra área. Todos eles atópanse illados e en seguimento domiciliario.

Ante a posibilidade de novos contaxios "está a ampliarse o círculo de contactos", sinalaron por parte da área sanitaria, co obxectivo "de limitar o risco de novas infeccións e tomando as medidas preventivas indicadas nos protocolos aplicables nesta situación".

MOBILIDADE

Con todo, o conselleiro de Sanidade pediu desculpas aos cidadáns e agradeceu a colaboración dos concellos. Preguntado sobre a posibilidade de limitar a mobilidade en municipios desta área sanitaria como sucedeu na Mariña, dixo: "É moi importante ir paso a paso".

Segundo o conselleiro, o comité clínico recibe información diaria sobre a situación epidemiolóxica. "A mobilidade sempre é a última posibilidade porque é un dereito fundamental que queremos respectar", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta