Deportivo e Numancia envían un escrito ao CSD pedindo "a apertura urxente" dun expediente a Tebas

Falan de "reincidentes infraccións moi graves cometidas" polo presidente de LaLiga desde a suspensión o pasado 20 de xullo do partido dos coruñeses co Fuenlabrada.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 07/08/2020 | Actualizada ás 16:21

Comparte esta noticia

O Deportivo da Coruña e o CD Numancia anunciaron este venres que enviaron senllos escritos conxuntos ao Consello Superior de Deportes nos que se solicita "a apertura urxente dun expediente disciplinario" a Javier Tebas, presidente de LaLiga, "polas reincidentes infraccións moi graves cometidas" desde a suspensión o pasado 20 de xullo do Deportivo-Fuenlabrada.

O presidente de LaLiga, Javier Tebas, chega aos xulgados de Valencia para declarar no xuízo polo suposto amaño do partido de fútbol Levante-Zaragoza de 2011
O presidente de LaLiga, Javier Tebas, chega aos xulgados de Valencia para declarar no xuízo polo suposto amaño do partido de fútbol Levante-Zaragoza de 2011 | Fonte: Jorge Gil - Europa Press

Os dous clubs, de momento descendidos á Segunda División B á espera dunha resolución final do 'caso Fuenlabrada', sinalan nos seus escritos un total de nove infraccións que cometería o dirixente, entre as que están "responsabilidade pola viaxe do CF Fuenlabrada á Coruña", e "abuso de autoridade" por non suspender toda a xornada 42 de LaLiga SmartBank e decidir "a celebración illada" do choque entre o equipo galego e o fuenlabreño, "fóra do horario unificado fixado" pola normativa.

Dépor e Numancia tamén indican que Tebas incumpriu "a normativa en materia de conflitos de interese" pola presenza do seu fillo, Javier Tebas Llanos, no Consello de Administración do equipo madrileño, os Estatutos Sociais de LaLiga "ao impor a presenza física para a reunión da Comisión Delegada do 6 de agosto de 2020", o protocolo COVID-19, e "un dos requisitos para ser presidente de LaLiga, pola súa relación directa e indirecta" co club madrileño.

Ademais, quéixanse de "abuso de autoridade ao manifestarse publicamente contra a liga de 24, sen consultar cos órganos de LaLiga", de incumprimento "unilateral" dos acordos co Consello Superior de Deportes, e de "actuación neglixente" ao conceder ao Elxe un posto de 'playoff' e "todas as consecuencias posteriores".

"Igualmente, ambos os dous clubs solicitaron a suspensión inmediata de forma cautelar e provisional de Javier Tebas no exercicio das súas funcións, ao estar a ocasionar uns graves danos e prexuízos a LaLiga e aos clubs que a conforman. Estes danos e prexuízos que se incrementan día a día son de difícil reparación e están a ter moi efectos negativos na industria do fútbol, tanto a nivel nacional como internacional", engade o escrito.

Agora, tanto o Deportivo como o Numancia esperan que o CSD, "como máximo organismo do deporte en España, adopte as medidas disciplinarias oportunas coa maior celeridade posible" co presidente de LaLiga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta