A nova app do Ministerio de Sanidade para a COVID-19 ignora as linguas co-oficiais do Estado

A Mesa tramitou unha queixa pedindo ás institucións sanitarias españolas que rectifiquen a súa decisión.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/08/2020 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a App "Radar Covid" creada polo Ministerio de Sanidade do goberno do España para que a poboación faga seguemento da situación da pandemia ao seu arredor está dispoñible só en español e en inglés, ignorando todas as linguas co-oficiais.

A nova app do Ministerio de Sanidade, 'Radar COVID', só deixa escoller entre castelán e ingles.
A nova app do Ministerio de Sanidade, 'Radar COVID', só deixa escoller entre castelán e ingles. | Fonte: A Mesa

"O Estado pensa que a Covid só entende español e inglés, mais a loita contra o virus faise tamén en galego", asegura o presidente da Mesa, Marcos Maceira. "Temos dereito a recibir información, atención e axuda sobre a Covid en galego", recorda, a pesares de que nin o goberno de Galicia nin o de España o respecten.

A Mesa, que tramitou unha queixa a través da Liña do Galego pedíndolles ás institucións sanitarias que rectifiquen, vén denunciando dende o pasado mes de marzo que "a atención que se nos presta aos galegos e ás galegas no noso idioma é practicamente inexistente en todo o relativo á Covid", dando lugar a "unha grave limitación ao noso dereito fundamental a expresármonos no noso idioma coa administración autonómica".

"O desprezo pola nosa lingua amósase tamén na atención telefónica e na app do Sergas (que ofrece a información sobre o Coronavirus en castelán aínda que estea habilitada a opción en galego)", conclúe A Mesa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta