Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 13/07/2025 | Actualizada ás 12:00
Naquelas ocasións en que alguén actúa de xeito moi errado, moi inoportuno ou moi inconveniente nun asunto, en castelán adóitase dicir, dun xeito máis ben –pero non exclusivamente– asociado a contextos de uso coloquiais ou familiares, que metió la pata ou metió la gamba.
Vexamos secuencias expresivas galegas que dan conta desa mesma realidade:
Meter la pata
Meter la gamba
{= Actuar de xeito moi errado, moi inoportuno ou moi inconveniente nun asunto.}
Meter a zoca
[E MAIS]:
Meter o zoco
Meter a zocada
Ex.: Les dije que en toda la tarde no tuvimos luz eléctrica, pero después metí la pata al comentar que alguien había llamado al timbre.
Díxenlles que en toda a tarde non tivemos luz eléctrica, pero despois metín a pata ‡ metín a zoca ‡ metín o zoco ‡ metín a zocada ó comentar que alguén timbrara.
● E mais tamén:
Meter os pés polas mans && Meter o pé na argola && Meter o barco nas pedras && Meter o pé na lama && Meter os pés polas mangas && Meter o pé por un ollo
Ex.: Díxenlles que en toda a tarde non tivemos luz eléctrica, pero despois metín os pés polas mans ‡ metín o pé na argola ‡ metín o barco nas pedras ‡ metín os pés polas mangas ‡ metín o pé por un ollo ó comentar que alguén timbrara.
● E inda tamén, sobre todo cando se considera que o erro ou equivocación son, ou foron, graves:
Meter la pata hasta el corvejón
Meter a zoca ata o pescozo && Meter a pata ata o pescozo && Meter o zoco ata o pescozo
● Mesmo tamén, posiblemente con connotacións ou matices inda máis coloquiais e populares:
Meter la pezuña
Meter o pezuño
● Incluso tamén, no ámbito puramente léxico, e para aqueles casos en que unha persoa di algo que fai que ela mesma quede en evidencia ou en mal lugar:
Pisarse
Ex.: Díxenlles que en toda a tarde non tivemos luz eléctrica, pero despois piseime ó comentar que alguén timbrara.
● Igualmente tamén no eido léxico, en contextos, e en contextos de uso familiares e coloquiais e asociadas a un rexistro mesmo vulgar:
Cagarla (bien cagada) && Joderla (bien jodida)
Cagala (ben cagada) && Fodela (ben fodida) && Escarallala (ben escarallada)
Ex.: Díxenlles que en toda a tarde non tivemos luz eléctrica, pero despois cagueina (ben cagada) ‡ fodina (ben fodida) ‡ escaralleina (ben escarallada) ó comentar que alguén timbrara.
NOTAS:
1. Nótese que hai contextos en que estas expresións poderían compartir espazos de uso coas que se reflicten no artigo ¡agora si que a foi! (grosso modo, equivalente ó castelán ¡ahora sí que la has[he, ha, habéis...] hecho buena!)
Ex.: —Dicen que debe bastante dinero y que se ha metido en un negocio con el Henrique, aunque le ha tenido que adelantar cinco mil euros. —Pues ahora sí que la hecho buena ‡ Pues ahora sí que ha metido la pata, porque el Henrique todo cuanto toca lo hunde.
—Disque debe bastantes cartos e que se meteu nun negocio co Henrique, inda que lle tivo que adiantar cinco mil euros. —Pois agora si que a foi ‡ Pois agora si que meteu a zoca ‡ Pois agora si que meteu a pata ‡ Pois agora si que meteu os pés polas mans ‡ Pois agora si que meteu o pé na argola ‡ Pois agora si que meteu o barco nas pedras, porque o Henrique todo canto toca afúndeo.
2. En consonancia cos fraseoloxismos do segundo “Tamén”, naquelas ocasións en que se considera que o erro ou equivocación teñen a condición de moi grosos ou importantes, a maioría destas secuencias pódense completar con locucións preposicionais do tipo ata o fondo, a máis non poder ou ata dicir basta:
Ex.: Díxenlles que en toda a tarde non tivemos luz eléctrica, pero despois metín a pata ata o fondo ‡ metín a zoca a máis non poder ‡ metín o zoco ata dicir basta ‡ metín a zocada ata o fondo ‡ metín os pés polas mans a máis non poder ‡ metín o pé na argola ata dicir basta ó comentar que alguén timbrara.
3. En relación co fraseoloxismo castelán meter la gamba, téñase en conta que a voz gamba non fai referencia, tal e como moi xente pode crer, ó crustáceo, senón á (e recollemos, tal cal, a definición do Diccionario de la Real Academia Española) «parte del animal entre el pie y la rodilla, o que incluye también el muslo».
4. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria
- Cotaredo. Revista cultural e turística do concello de Forcarei. Núm. IX, ano 2006.
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.