O BNG votará votará en contra do acordo do Goberno central e a Femp sobre os remanentes municipais

O deputado no Congreso, Néstor Rego, alerta de que pode levar a "unha nova drenaxe de diñeiro galego para outras zonas do Estado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/08/2020 | Actualizada ás 13:19

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou este venres que votará en contra da validación do decreto 27/2020, derivado do acordo entre o Goberno e a Femp para o uso dos remanentes municipais, que "confisca" os fondos locais nun momento no que son "moi necesarios" e que, alerta, pode levar a "unha nova drenaxe de diñeiro galego para outras zonas do Estado".

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego | Fonte: Europa Press

Rego explicou que a postura do BNG en relación a esta cuestión "non é nova" e "nin sequera ten que ver con esta decisión", se non que nace da súa oposición á propia Lei de Racionalización da Administración Local, coñecida como Lei Montoro, que reclaman que sexa derrogada.

"Desde que comezou esta emerxencia sanitaria e a crise que a acompaña, vimos facendo fincapé en que unha das decisións que había que tomar é a de derrogar a Lei Montoro para liberar os fondos municipais e dedicalos ás necesidades sociais", dixo Néstor Rego.

Neste sentido, mostrou a súa "sorpresa" por que o Goberno galego "se apunte agora á derrogación" cando, "ao longo dos últimos oito anos nunca o PP protestou" por "manter este fondo dos concellos bloqueado".

"Está ben que agora caesen da burra e pidan a derrogación", ironizou o deputado, que acusou os populares de utilizar este elemento con "criterios partidistas" e lembrou que a situación dos concellos galegos está "saneada".

Do mesmo xeito, Néstor Rego afeou o "cambio de postura" do PSOE, que en campaña se comprometeu a derrogar "a fatídica Lei Montoro", dixo o deputado nacionalista parafraseando á secretaria de Política Municipal socialista, Adriana Lastra.

O deputado do BNG afirmou que os nacionalistas galegos están de acordo sobre a necesidade de "mobilizar eses recursos" nestes momentos, para "atender as necesidades desta crise e dinamizar a economía".

Con todo, dixo, é necesario que sexan para as "administracións máis próximas ao cidadán", que son as que xestionan de forma máis directa este tipo de necesidades e as que producen efectos "máis inmediatos".

De forma paralela, expresou o seu "temor" porque esta "incautación" de fondos "se acabe convertendo nunha nova drenaxe de diñeiro galego para outras zonas do Estado".

"Lamentablemente, estamos máis que adoitados a que os criterios de repartición acaben prexudicando o noso país", dixo Néstor Rego, en referencia a Galicia.

Nestes momentos, o BNG "non ten aínda unha posición sobre o que van facer os seus alcaldes", dado que, polo momento, consideran "fundamental" tentar parar "globalmente esta actuación do Goberno español" que, lembrou, "non ten maioría no Congreso para validar o decreto".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta