Nós, a xente

Era eu moi cativo a primeira vez que se me deu por pensar que a teoría da evolución tiña, no fondo, un erro profundo. E que non era certo que coa aparición do Homo Sapiens se chegara ao cumio da perfección no camiño evolutivo como con todo entusiasmo contaba a profesora de Ciencias Naturais. E sobre isto sempre dixen o mesmo: que o ser humano actual é o exemplo perfecto de que a evolución non existe, ou, en todo caso, que o que hai é involución.

Por Francisco Castro | Vigo | 17/03/2013

Comparte esta noticia
Dende que aparecemos nós imos para atrás. Collede un xornal. Dade unha volta pola rede. En definitiva: lede as novas. Está claro que somos un fracaso da natureza. Nós, a xente.
Somos o único animal que a pesar de saber que o seu tempo é finito, que non vai seguir aquí eternamente, que é unha chiripa absoluta isto de nacer e poder andar uns aniños sobre o planeta, a pesar de sabermos iso somos o único becho que se machaca as neuronas sufrindo sen ter que sufrir ou, cando menos, sufrindo polo que non importa e non debería importar a pesar do moito que lles importa que nos importe o que non é importante. E así é que vexo a moitísima xente andar amargada pola existencia na procura absurda de cousas (poder, posición, obxectos de toda clase que a publicidade nos fai desexar) que, a nada que se reflexione sobre elas, entenderase que son absolutamente prescindibles para a vida e, dende logo, para a felicidade.
Pero somos así. Nós, a xente.
 
Somos un ser que quere descansar e non descansa, nin física nin emocionalmente, que aspira ao acougo e se instala na ansiedade perpétua. A diferenza do resto dos compañeiros de viaxe nesta casa común que é este planeta de colorinchos, que o teñen todo claro, que saben cal é o seu lugar no universo e o que teñen que facer, nós comprendemos dende moi cativos que estamos condeados á loita contra o veciño e contra de nós mesmos para conseguir non se sabe moi ben o que? Probablemente o baleiro. Porque cando espichemos só levaremos con nós a alacena de beixos e orgasmos que poidamos ter acumulado porque o resto, quedará todo aquí.
Mais somos así. Nós, a xente.
 
Somos un tipo de entidade que, paradoxalmente, procura a individualidade ao tempo que sobrevive porque é quen de atopar o seu lugar no grupo. E aquilo que nos dá a liberdade, ou sexa, ter unha cultura, un sistema de referencias, unha lingua coa que nos expresar e incluso tomar conciencia de nós propios, iso é precisamente o que nos resta toda posibilidade de vivir ao noso parecer. E daquela semella como que estamos condeados si ou si a unha especie de esquizofrenia que nos fai amar-odiar todo o que precisamente somos nós. A xente.
 
Quizais por iso hai quen centra nos derbys do fútbol o sentido da súa existencia.
 
Quizais por iso hai quen cre no destino, nos signos zodiacais, os deuses ou os superheroes, na confianza e na comodidade de que dá moito menos traballo crer na fatalidade, no azar ou en poderes alleos, que na propia liberdade, tan difícil de conseguir, tan traballosa.
 
Quizais por iso hai quen reduce todo a valor da vida a cartos moedas billetes tarxetas de crédito accións bolsa de valores índice niquei walt street ibex 35 mastercard,  cando, en realidade, o simple voo dunha bolboreta é máis valioso que calquera desas cousas. Pero non se ve porque non se quere ver.
 
Quizais por iso hoxe estou así de filosófico.
 
Pensando arredor de nós. A xente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro