Piden axudas urxentes para o sector da carne de vacún pola "caída crónica" de prezos por culpa da COVID

O Sindicato Labrego Galego (SLG) indica que o prezo medio das liquidacións entre abril e xuño de 2020 foi de 4,17 euros por quilo en tenreira de calidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2020 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O Sindicato Labrego Galego (SLG) pediu axudas urxentes para o sector da carne de vacún ante a "caída crónica" de prezos provocada pola pandemia sanitaria da COVID-19.

Nun comunicado remitido aos medios, a organización agraria censura que o sector da carne de vacún "siga sen recibir ningún tipo de apoio ou axuda" a pesar de ser un dos máis afectados pola crise da COVID-19 polo impacto do confinamento e o peche da hostalaría.

Así, indica que o prezo medio das liquidacións entre abril e xuño de 2020 foi de 4,17 euros por quilo en tenreira de calidade suprema e de 3,5 euros quilos en tenreira normal. "Aínda que os datos do mes de marzo non mostran unha baixada moi forte respecto de marzo de 2019, en abril, maio e xuño apréciase un descenso ao redor dos 50 céntimos por quilo en Tenreira Suprema e outro tanto na normal", apunta o SLG.

Así mesmo, a organización denunciou o feito de que a crise estea a ser utilizada por industrias e distribución para "impor unha baixada xeneralizada dos prezos" aproveitando "o abandono de funcións por parte do Ministerio de Agricultura e da Consellería do Medio Rural".

Por todo iso, o sindicato considerou necesario activar axudas directas, de forma urxente e a curto prazo, para o sector da carne de vacún, unhas axudas que pide que se orienten a paliar as perdas producidas pola COVID-19 e a garantir a continuidade das granxas, "moitas delas en zonas desfavorecidas e de alta montaña".

"A mellor forma de activar estas axudas sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado vinculado á vaca abastecedora que permita equilibrar os prezos ou facer un pago directo por vaca abastecedora ou granxa, xa que se estaría pagando directamente a quen produce os gastos", sinala.

Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG
Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta