O TSXG avala as restricións na hostalaría e o uso obrigatorio da máscara

Apela en ambos os casos á necesidade de reducir contagios tras os recursos do sector e dun particular.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 01/09/2020 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) apoiou as restricións impostas pola Xunta no sector da hostalaría, así como o uso da máscara obrigatorio, segundo recolle en senllos autos feitos públicos este martes.

No primeiro caso, denega a medida cautelarísima solicitada polas asociacións provinciais de Hostalaría e Turismo de Lugo e A Coruña e a federación provincial de Pontevedra, que solicitaban a suspensión da aplicación da orde da Consellería de Sanidade de 15 de agosto de 2020 na que se establecen novas medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria da COVID-19.

En concreto, o recurso presentouse pola disposición que ordena o peche dos locais de discotecas e demais establecementos de lecer nocturno, así como fronte á que fixa como hora máxima de peche dos establecementos de hostalaría e restauración á unha da madrugada, sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde a medianoite.

Os hostaleiros tamén recorreron a disposición que ordena o consumo dentro dos locais en barra ou sentados en mesa, ou agrupacións de mesas, asegurando o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes.

INTERESE XERAL

A Sala destaca que unha suspensión cautelarísima como a que interesan as entidades afectadas "significaría activar unha fonte importante de contaxios, que derivan non só da apertura de locais de lecer nocturno, e unha extensión no límite de apertura dos demais establecementos de hostalaría, senón tamén dunha falta de distanciamento interpersoal, que representa unha das medidas de maior eficacia para evitar contagios".

Así, os maxistrados indican que "non pode prevaler sobre o interese xeral o particular das empresas do sector da hostalaría", á vez que advirten de que as cifras de evolución da pandemia son "altamente preocupantes".

As medidas, segundo resalta o TSXG, adoptáronse "para responder á situación de especial risco derivada do incremento de casos positivos". Os xuíces sinalan que non ignoran "as importantes perdas que para o sector da hostalaría" supoñen estas medidas.

USO DA MÁSCARA

Tamén o alto tribunal galego denegou a suspensión cautelar solicitada por un particular das medidas sobre o uso obrigatorio de máscara en praias, piscinas e establecementos de hostalaría, aínda que se poida manter a distancia de seguridade de 1,5 metros, aprobadas pola Xunta.

Os maxistrados indican que o seu uso "forma parte dun conxunto integral de medidas de prevención e control que poden limitar a propagación de determinadas enfermidades respiratorias causadas pola COVID-19".

Dúas persoas camiñan con máscara e chapeu durante unha onda de calor africana.. María José López - Europa Press
Dúas persoas camiñan con máscara e chapeu durante unha onda de calor africana.. María José López - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta