Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá

«Que sei eu do que serei, eu que não sei o que sou? / Ser o que penso? Mas penso tanta coisa! / E há tantos que pensam ser a mesma coisa que não pode haver tantos!» (“Tabacaria”, Alvaro de Campos, heterónimo de Fernando Pessoa).

Por Xosé Antón Jardón | Vilar de Santos | 04/09/2020

Comparte esta noticia
«Louis, presinto que este é o comezo dunha grande amizade», así foi como se despediu Rick Blaine do tarambaina Louis Renault, non para emprender nada xuntos malia esa necesaria aparencia, senón para despedirse, talvez para sempre, após que este lle salvara a vida. E iso sempre é de agradecer, alomenos formalmente. Así conclúe unha das historias de amor do cine máis famosa da historia: Casabranca. E así, cunha declaración polo estilo, foi como naceron as penetrantes e íntimas relacións, que azacotaron a historia de amor político –amor de comenencia, en fin− entre Xe-Eme Baltar e Gue Jácome, que tanto deu que falar na nosa querida Áurea, sempre tan aldraxada e vilipendiada por unha clase política que, indistintamente do seu credo ou militancia, segue empeñada en converter a terceira cidade de Galicia no eterno antro dos experimentos con gasosa e viño da casa. 
 
O petardo que fixo estourar a codia da andrómena ideada por Gundisalvo Ferreira non ten parangón nos espectáculos pirotécnicos da pseudo-política galega. A cousa non estoupa por mor das discrepancias na definición ideolóxica, porque non existe; nin por matices na maneiras de entender o proxecto de cidade, porque non hai proxecto, nin sequera polo reparto de postos, porque hai choio e mosca para todos; seica é por un problema no reparto do botín, un simple malentendido á hora de cadrar as contas entre amiguetes. En fin, unha gurra entre muiñeiros á hora de calcular a maquía.
 
E agora, en pleno enfarelado dunha auga avolta dende hai tempo, a oposición, comezando polo partido máis votado, o PSOE, envólvese nas sabas da doce nostalxia, entoando a versión cutre do We´ll always have Paris (Sempre nos quedará París) sen molestarse en analizar con seriedade as doenzas ourensás para facerlle á cidadanía unha proposta que, trunfe ou non, lle inxecte unha certa dose de ilusión. 
 
[O meu tío Lisardo é dos que opina que a única preocupación do cabido edilicio da cidade das Burgas é o desenlace futbolístico dun tal Lionel Andrés Messi Cuccittini, no canto do futuro da veciñanza que lles prestou as cadeiras do edificio número un da Praza Maior, nas que só agroma a súa impertérrita languidez].
 

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. OURENSE - Arquivo
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. OURENSE - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antón Jardón Xosé Antón Jardón Dacal (Vilar de Santos, 1952), é Coordinador do Padroado do Museo da Limia. Colabora habitualmente con artigos de opinión e relatos en La Región, Galicia Confidencial, Praza.gal, Temposdixital e BadalNovas. Coautor dos libros A luz da chuvia (2019) e O Lebre das Casarizas, unha vida de máquinas e inventos (2019), ten participado en diversas publicacións colectivas: Limiaxinacións, Evocacións das Terras do Lethes (2009), Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (2009). Secretario-interventor de administración local xubilado, foi alcalde de Vilar de Santos, deputado provincial, vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e Delegado da Consellería de Industria no bipartito.