Por unha literatura politicamente incorrecta

O outro sábado, Marilar Aleixandre leu un fermoso discurso durante a homenaxe que lle deu o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e que titulou 'A ledicia de ler', como réplica a outro non menos fermoso e moi emocionante de Fina Casalderrey.

Por Francisco Castro | Vigo | 30/03/2013

Comparte esta noticia
Entre outras cousas, botando os ollos atrás á súa propia formación lectora, lembrábase duns discos con contos que escoitaba na súa infancia e moi especialmente dun deles (non recordo o título, aínda que o dixo) que tiña un final tristísimo, moi tráxico e dramático  e que ela e o seus irmáns escoitaban unha e outra vez de tanto como lles gustaba (o conto enteiro, non só o final). Entre outras moitas cousas, dixo que nunca esperou, nin dese conto nin dos de Andersen ou os Irmáns Grimm ou de calquera dos outros clásicos ou dos que leu máis tarde, que tivesen un final feliz ou que debesen telo. E cando lle escoitei dicir tal, ademais de lle dar a razón, lembrei a toda esa xente (algunha incluso da cultura) que insiste en que o que cómpre é escribir (e sobre todo, publicar e traballar nas aulas) unha literatura politicamente correcta, xa sabedes, libros protagonizados por individuos case que perfectos dende o punto de vista moral, historias redactadas nunha linguaxe neutra, correcta, correctísima, pulcra dende todos os puntos de vista (nada de tacos), tramas desenvolvidas nun universo humano moi afastado do que nos amosan os xornais, onde todos os nenos e nenas  presentan comportamientos ecolóxicos, actitudes claramente feministas, e nas que case que non hai enfermidade, dor, morte ou maldade. Sexo, inconcebible. Coma Barbie e Ken, hai quen espera que os personaxes das nosas novelas non se metan na cama máis que para durmir, que non fumen, que non cuspan no chan, que non odien...en definitiva, que o que moita xente quere, incluídos algúns docentes (e hai moitos escritores/as,nomeadamente do sistema literario español, escritores para as aulas que lles seguen o xogo) son personaxes irreais dun mundo irreal. Quizais dun mundo ideal (en fin, se por ideal tomamos o criterio hellokity da vida). Lembro unha profesora que se queixou de que a mamá da miña novela "Chamádeme Simbad" ocupábase da casa e non o pai. Eu retruquei explicando que do que se trataba, precisamente, era de denunciar esa situación contándoa tal e como é na realidade, onde moitos homes seguen a ver os labores domésticos como algo propio de mulleres ou como moito algo no que poden, un pouquiño, axudar. A ela non lle valeu o meu razoamento e volveu sobre o mesmo: tiñas que escribir que facían o da casa entre os dous...
 
A min non me sae. E, dende logo,  non podo militar nas tropas do "boísmo", na dos autores (tampouco procuro isto como lector) que refugan escribir sobre as durezas da vida como se fosen asuntos que hai que agachar á rapazada. Fina Casalderrey sempre di que os pequenos só son iso, máis pequenos, pero que non son parvos polo feito de ser pequenos. Son igual de intelixentes ca os maiores. Se cadra, máis.
 
Eu penso que a literatura ten que falar da vida e emocionar, aínda que sexa dende parámetros politicamente incorrectos.
 
A literatura ten que ser espello da realidade, e tamén proxección dunha nova realidade máis desexable e mellor. Por iso son tan valiosas as obras daqueles escritores e escritoras que adoptan personaxes femininas valentes, activas, decididas e afoutas. Nenas nas que os cativos e cativas poidan mirarse e recibir un modelo distinto ao que o patriarcado educativo transmite como se fose "o natural". Por suposto que si.
 
Mais o que non podemos é convertir a literatura, en especial a destinada aos máis pequenos, nun exercicio de didactismo que dependa de "valores", "obxectivos pedagóxicos" ou "contidos transversais". Como sinala a especialista en Educación Infantil, a miña amiga Anxeles Abelleira, o que hai que darlle aos docentes é boa literatura; logo xa os profesores se encargarán de ver como traballar nas aulas con eles.
 
E remato dicindo que prefiro unha literatura políticamente incorrecta,.tamén, por dous motivos finais: porque son libros máis axeitados para crear cidadáns libres e críticos e, sobre todo, porque son moito máis divertidos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Francisco Castro Francisco Castro (Vigo, 1966) é editor e escritor na Editorial Galaxia e desde 2010 é o presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). É autor, entre outras obras, de "Xeración Perdida", "Un bosque cheo de faias", Spam e Chamádeme Simbad, entre outras. @franciscocastro