Trives , Río e Manzaneda piden pechar os negocios non esenciais ante un positivo que mentiu

Alertan da "ampla cadea de contactos" da persoa contaxiada e pon medidas ante a posibilidade dun "importante brote".

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/09/2020 | Actualizada ás 15:27

Comparte esta noticia

Os concellos ourensáns de Manzaneda, San Xoan de Río e Pobra de Trives emitiron un comunicado conxunto no que piden que os propietarios de todos os establecementos que non sexan de primeira necesidade que pechen as súas portas ante o risco de que na zona se produza un "importante brote" de COVID-19 por un caso positivo que "non deu información veraz".

A cuestión foi abordada polos alcaldes co persoal médico da PAC de Trives, que detectou o caso, nunha reunión do comité de emerxencia pola situación sanitaria. Na reunión, recolle o comunicado conxunto, evidenciáronse " tanto as contradicións como a falta de información veraz facilitada pola persoa afectada e dalgunha das contactadas", alertan.

Esta situación xerou "un absoluto desconcerto nos tres concellos, así como nos sanitarios", polo que se puxo en coñecemento da autoridade competente, por se os feitos puidesen ser "constitutivos de delito".

Dada a "amplitude da cadea de contactos da persoa contaxiada", e en previsión de que "poida haber un importante brote" na localidade, os expertos sanitarios pediron que se tomen medidas "o máis axiña posible".

É por iso que o tres concellos recomendan aos titulares dos negocios de toda a área que non sexan de primeira necesidade que pechen as súas portas "ata que se clarifique a situación". O centro de saúde atenderá só citas telefónicas a menos que así o determinen os facultativos e pecharanse as piscinas municipais.

Finalmente, fixeron un chamamento a todas as persoas que estivesen en contacto co caso positivo para que fagan "un exercicio de responsabilidade" e o comuniquen " urxentemente" chamando ao centro de saúde. Sobre esta cuestión, fontes da área sanitaria apuntaron que, polo momento, non hai constancia de que se produciu un brote na zona.

Persoas en terrazas
Persoas en terrazas | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta