Toda a oposición pide a dimisión de Feijóo

Denuncian que o presidente da Xunta non pode estar á fronte do Goberno logo de estar relacionado cun narcotraficante.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/04/2013 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

PSdeG, AGE, BNG e CXG. Todos coincidiron este luns en reclamar a dimisión do presidente da Xunta pola súa amistade co narcotraficante Marcial Dorado. 

Beiras (AGE), Losada (PSdeG) e Jorquera (BNG)
Beiras (AGE), Losada (PSdeG) e Jorquera (BNG)

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, dixo que "non hai ninguén en Galicia que crea o que di Feijóo", de quen lembrou que era alto cargo da Consellería de Sanidade nos anos noventa e "non sabía no ano 95 quen era Marcial Dorado". "Non se trata de dúas persoas que se van de paseo nun barco, trátase dun narco recoñecido e dun alto cargo de Sanidade", ilustrou.

"Ninguén pode seguir sendo presidente do Goberno galego con esta carga ás costas", dixo. Así, Pachi Vázquez, que cualificou "os feitos de extrema gravidade", preguntouse "de que falaron" Feijóo e Dorado "nesas viaxes a Andorra" e lembrou que "moita xente" en Vilagarcía "ía a Andorra e non precisamente a facer turismo" naquela época.

AGE

Tamén o portavoz Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, reclamou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, poña "o seu cargo a disposición da cámara de representantes", mentres que a viceportavoz, Yolanda Díaz, considerou que as fotos del co narcotraficante Marcial Dorado, nos anos 90 son "uns feitos gravísimos" que "merecen a reprobación política", é dicir, a "dimisión" do mandatario autonómico.

En rolda de prensa, Xosé Manuel Beiras considerou esta situación "patética e asquerosa" e xulgou que o comunicado emitido polo presidente da Xunta o domingo ao coñecer a información do xornal El País é propio "dun adolescente inmaturo do Opus Dei que foi cachado nas patacas".

BNG

Pola súa banda, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, esixiu este luns a "dimisión inmediata" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao interpretar que esta é a única resposta "posible" tras constatarse "as súas relacións persoais cun capo da mafia do narcotráfico" e advertiu de que "rexenerar a democracia", unha expresión utilizada reiteradamente polo mandatario autonómico, esixe "medidas exemplarizantes".

Tras reiterar que "unha persoa que mantén este tipo de relacións é indigna de ser presidente de Galicia", subliñou que en calquera país "cunha democracia minimamente asentada" se dimite por feitos "de moita menor gravidade". "O Núñez Feijóo de entón é o mesmo Núñez Feijóo de agora, aínda que vendo o seu comunicado --o que emitiu o presidente tras coñecer a publicación das fotos-- parece que falamos de persoas distintas", criticou.

CxG

Tamén o Secretario Xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas, manifestou este domingo que o Presidente da Xunta debe dar “explicacións máis contundentes” . Neste sentido, o lider da organización galeguista apunta a “de ser certo que Dorado era provedor do SERGAS cando Feijóo era Secretario Xeral da Consellería de Sandidade e Servizos Sociais”, o Presidente da Xunta “debe dar moitas máis explicacións”. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

4 xOsse

ERRO: CxG non é oposición

1 GOBERNA

Esta no goberno de Vilar de Santos, o dito.

3 MultiplesCagarrías

Que vai dimitir este ho, co que lles gusta mamar do Pai Estado ós peperos...e porriba saen todos corruptos, caen coma moscas ó mel. Moito os pon dar DEREITAZOS A PUÑO PECHADO aínda que lles saen TORCIDOS, ven se ve. A ver se espertamos do sono Galicia que nos estan a facer a peineta e rapándonos ó cero...vamos, que nin ás bestas se atan tan curto!!!

2 ajados

Despertou!

1 XanKaraLlás

Nada, non pasa nada, quitan a Feijoo e poñen outro e punto. O PP é o rei de Galiza. Os votantes galegos, a piñón fixo e como autómatas, danlle unha e outra vez maioría absoluta a o PP, faga o que faga, sempre igual. Mentres tanto, para o BNG o importante é non pactar cos "españolistas" de esquerda, a non ser, obviamente, que sexa o PSOE, que é case igual que o PP.

1 Dragón da Coca

Xan Carallás de Redondela, unha cousa é pactar sabendo a túa forza electoral e outra cousa é pactar a calquera prezo antes dunhas votacións co españolismo de IU, eses mesmos que conseguen alcaldías co apoio de Falange Auténtica.

2 QUE ESPERA A XENTE

A politica fai extraños amigos de viaxe. O certo é que aqui non pasa nada. Feijoo dimitir? Ja, ja, ja. que va a dimitir, a metade da Galiza (a mais profunda), votan a tropel aos PPodres, sexan con preferentes, aniquilazon do sistema de Saude, aniquilazon da enseñanza pública, aniquilazon de correos, e o mesmo. Ten unha vision da realidade "a Galiza profunda", que nin Deus convecellos do contrario. Ademais moitos de eles estan na honda dos PPodres, porque eles mesmos, fan todas as ilegalidades que poden. Para mostra todos os "Galpons", "almacens", e demais construccion que pululan pola xeografia Galega, saltanse as leis á toreira.. Con esa mentalidade, que espera a xente.