Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2025 | Actualizada ás 12:33
O deputado e portavoz de Industria do BNG no Parlamento, Brais Ruanova, denunciou a "caótica e irresponsable" xestión da Consellería de Economía dos fondos europeos, "especialmente daqueles destinados ao tecido produtivo, a industria e a innovación". Neste sentido, advertiu de que, froito desa xestión, quedaron "sen executar" 103 millóns de euros que xa estaban orzados para proxectos europeos, "tal e como reflicte o último informe do Consello de Contas", correspondente ao exercicio de 2023.
"A Consellería que debería liderar a modernización da industria de Galicia ofrece números de xestión desastrosa", subliñou o deputado nacionalista, quen se referiu tamén a unha "perda de oportunidades para Galicia". Tal e como explicou, Economía adquiriu a través de fondos europeos preto de 246,4 millóns de euros, "situándose, por detrás de Medio Rural, como o segundo departamento da Xunta en participación nestes fondos".
"Dos case 246,4 millóns, só se comprometeu o 51,8 %. Pero o máis dramático é que só se pagou o 33,9 %, o que significa que só un terzo do orzamento chegou realmente aos beneficiarios", afeou. Tamén criticou que o departamento autonómico de Economía "insista en contabilizar as baixas de créditos sen xustificación real", unha práctica que "distorsiona a avaliación da execución para dar unha falsa imaxe de eficiencia", debullou. Segundo recolleu o BNG nunha nota de prensa, cando Europa inviste en recuperación, en resiliencia e en tecnoloxía, o Goberno galego do PP "responde con atrasos, con burocracia e con ineficacia".
Neste contexto, o portavoz de Economía e Industria do BNG no Parlamento vén de rexistrar unha batería de iniciativas para reclamar á Consellería que dirixe María Jesús Lorenzana que aplique as recomendacións do Consello de Contas e que estableza, "dunha vez por todas", unha planificación dos fondos europeos que "xurda do diálogo cos sectores produtivos". Por todo iso, instou ao Goberno da Xunta a terminar con "xestións opacas e de contabilidade creativa", con todo, entre as propostas do BNG figura avaliar as dificultades na xestión dos proxectos europeos e crear mesas sectoriais permanentes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.