Feijóo urxe ao Goberno para retomar as súas promesas entre elas o AVE

Díxoo nas obras da nova conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coas autovías A-52 e a AG-31.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 11/09/2020 | Actualizada ás 17:04

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aludiu á a nova conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas como unha infraestrutura "estratéxica" para "o gran pulmón empresarial" de Ourense, ao enlazar nun único punto con dúas autovías: a A-52, a Autovía das Rías Baixas, que une Vigo con Ourense e Madrid, e a Autovía de Celanova, a AG-31.

"Conscientes da situación económica na que vivimos, estamos a falar dunha obra estratéxica e para a creación de valor", afirmou, antes de garantir que o Goberno galego seguirá apoiando ao tecido produtivo de Galicia. Ao tempo, subliñou que a Comunidade ten en San Cibrao das Viñas un forte polo industrial no que operan preto de 350 empresas que dan traballo a preto de 8.000 traballadores.

Cun investimento de practicamente 22 millóns de euros, Feijóo remarcou que esta actuación, cofinanciada con Fondos Feder 2014/2020, conectará desde esta tarde o polígono de forma rápida, cómoda e directa, ao reducirse nun 60% o percorrido necesario para conectalo coa autovía, incluíndo, ademais, en máis da metade do trazado, un terceiro carril para facilitar os adiantamentos.

Cun gran viaduto de case 500 metros de lonxitude, con 4 pasos inferiores e cun paso superior, o titular da Xunta explicou, ademais, que esta nova infraestrutura de máis de 4,5 quilómetros foi deseñada co obxectivo de compatibilizar o respecto ambiental da contorna coa necesidade de garantir un servizo adecuado aos usuarios que serán, nunha alta porcentaxe, condutores de vehículos pesados.

LICITACIÓN

Ante o poder tractor que teñen para a economía e o emprego os investimentos en infraestruturas, o presidente da Xunta lembrou que Galicia foi a primeira comunidade que reactivou a execución e a contratación tras a declaración do estado de alarma.

Non en balde, segundo os datos de Seopan, a licitación de obra pública por parte da Xunta creceu máis que en ningunha outra comunidade, rexistrándose entre xaneiro e xullo un 73% máis que o ano pasado.

QUE O GOBERNO CENTRAL RETOME OS SEUS COMPROMISOS

Sobre este punto, Feijóo subliñou que a modernización do transporte público en Ourense "xa é unha realidade" e as obras autonómicas da estación intermodal avanzan a bo ritmo, ademais de avanzar para o mes de outubro o acordo para transvasar parte dos terreos da Tecnópole cara ao polígono e levar así a cabo a súa ampliación.

O presidente da Xunta concluíu expresando a necesidade de que o Goberno central "retome os seus compromisos" coa provincia en alusión á chegada do AVE; á licitación das obras do primeiro tramo da Variante de Ourense, entre Eirasvedras e Quintela, dentro da A-56 de conexión de Ourense e Lugo; e ás obras do primeiro tramo da autovía que debe unir Valdeorras coa Meseta e o resto de Galicia, a A-76.

Tren AVE
Tren AVE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta