Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/09/2020 | Actualizada ás 19:26
A Valedora do Pobo instou de novo á Consellería de Política Social a reforzar os equipos encargados de realizar as valoracións de discapacidade, pois, aínda que recoñece "melloras" nos tempos de espera, continúa detectando atrasos que, como advirte, afectan a persoas vulnerables.
Así figura na memoria de actividade da institución que dirixe María Dolores Fernández Galiño, que sinala o caso dun bebé con síndrome de Down que levaba meses esperando unha valoración.
No transcurso da queixa, a Alta Comisionada do Parlamento de Galicia coñeceu que o bebé fora sometido a valoración pero despois de cumprir o ano, xa que, segundo figura no informe, "o equipo entendía necesaria esa idade para valorar".
No documento, a Valedora manifesta que esa actuación "non se correspondía co previsto na nornmativa que establecía as sitauciones nas que as valoracións serían urxentes, entre elas todas as que afectasen os menores de 18 anos".
Así mesmo, a institución, aínda que precisa que con carácter xeral trátase "de actos técnicos e individualizados", tamén advirte da detección de "valoracións deficientes ou faltas de motivación adecuada".
Como exemplo pon as avaliacións de persoas con diversidade funcional cognitiva, como o Down ou o TEA; co cal recomendou á Consellería de Política Social mellorar estes mecanismos. Segundo a Valedora, o departamento que encabeza Fabiola García "aceptou mellorar as valoracións de dependencia, pero non as de discapacidade".
A institución detense especialmente nas avaliacións de discapacidade en pacientes de fibromialxia, unha doenza que afecta especialmente a mulleres.
"É necesario mellorar a normativa e os actos de valoración para abordar adecuadamente todas as súas consecuencias na vida cotiá e evitar os prexuízos que se ocasionan a moitas mulleres nesa situación", incide no seu informe o Valedor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.