Arden máis de 700 hectáreas en sete incendios forestais, cinco deles sen control

As chamas consumiron 350 hectáreas en Vilar de Barrio e 120 na Gudiña.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/09/2020 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

Un total de 725 hectáreas arderon xa nos sete incendios forestais (cinco deles sen control) que afectan este domingo a varios puntos de Galicia, especialmente na provincia de Ourense. Deles, segundo informa a Consellería do Medio Rural, o máis grande é o que permanece activo desde as 12,00 horas do sábado na parroquia de Rebordechau, en Vilar de Barrio (Ourense), onde as chamas arrasaron unhas 350 hectáreas. Traballan na zona nove axentes, 27 brigadas, 14 motobombas, dúas pas, dez helicóptero e 14 avións.

Hidroavión nun incendio en Galicia
Hidroavión nun incendio en Galicia | Fonte: Europa Press

Na Gudiña (Ourense) son xa 120 as hectáreas queimadas por un incendio declarado ás 20,47 horas do domingo na parroquia de Pentes e aínda que presenta, segundo Medio Rural, "unha evolución favorable", continúa activo. No control do incendio participaron ata o momento un técnico, seis axentes, 14 brigadas, nove motobombas e medios aéreos.

Na parroquia de Sabuguido de Vilariño de Conso (Ourense) segue sen control un lume forestal iniciado ás 02,22 horas da madrugada do domingo. As medicións provisionais cifran a superficie consumida polas chamas nunhas 80 hectáreas. Na área hanse despelgado dous axentes, sete brigadas, catro motobombas, unha pa, oito helicópteros e seis avións.

En Lobios arde a parroquia de Río Caldo desde as 19,40 horas do sábado. O incendio, que afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, segue activo e xa queimou unhas 75 hectáreas. No seu control participaron tres axentes, 14 brigadas, cinco motobombas, catro helicópteros e tres avións.

O último dos incendios de máis de 20 hectáreas (o limiar que establece a información oficial da Xunta nos seus partes diarios) que segue sen control sitúase en Laza (Ourense), en concreto, na parroquia de Camba, onde arderon 40 hectáreas. Os efectivos mobilizados para este incendio son tres axentes, dez brigadas, tres motobombas, dúas pas e un avión.

INCENDIOS ESTABILIZADOS

Pola súa banda, o incendio forestal que afecta o concello de Cuntis segue estabilizado desde as 00,03 horas do domingo. As chamas consumiron unha superficie de 25 hectáreas e nos traballos de control participaron tres técnicos, nove axentes, 30 brigadas, 13 motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e cinco avións.

Por último, o lume declarado o venres en Quiroga (Lugo) permanece baixo control desde as 20,30 horas do sábado. As últimas estimacións cifran en 53,09 hectáreas a superficie afectada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta