Investigan se o cadáver localizado nunha aldea de Barbadás é o de Nerea Añel, desaparecida desde xaneiro

A moza, de 27 anos de idade, fora vista por última vez nun motel a 400 metros de onde foi atopada

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 14/09/2020 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

Dous senderistas que camiñaban polas proximidades dunha aldea abandonada no municipio ourensán de Barbadás, localizaron nas últimas horas un cadáver e investígase se se trata da moza Nerea Añel, desaparecida desde xaneiro pasado.

Segundo explicou a Europa Press o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, o achado produciuse na tarde do domingo, cando unha parella que paseaba ao seu can pola aldea abandonada dos Muíños atopou un corpo "en avanzado estado de descomposición".

Tras alertar ás forzas e corpos de seguridade, ao lugar desprazáronse efectivos da Garda Civil, de Policía Local e de Protección Civil de Barbadás, que custodiaron a zona durante toda a tarde e a noite, para preservar posibles probas.

Valcárcel sinalou que estaba previsto que a xuíza autorizase o levantamento do cadáver ao longo da mañá deste luns, e tamén se prevé que os investigadores da Policía Xudicial de Garda Civil inspeccionen con detemento o lugar onde apareceu o corpo.

Fontes da investigación apuntaron que as pescudas e a autopsia permitirán determinar se o corpo pertence á moza Nerea Añel, de 27 anos de idade, que desapareceu en Ourense en xaneiro pasado.

A súa familia viuna por última vez o día de Reis e o pasado mes de febreiro levou a cabo un rastrexo con cans da Policía Nacional nas inmediacións dun motel en Barbadás, onde fora vista a moza. Precisamente, o corpo localizado nas últimas horas atopábase a uns 400 metros dese motel.

Nerea Añel, desaparecida en Barbadás en xaneiro
Nerea Añel, desaparecida en Barbadás en xaneiro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta