A febre dos vertedoiros en Galicia: aumenta a tensión entre empresarios e veciños

A veciñanza da parroquia de Marrozos en Santiago conseguiu frear un proxecto de vertedoiro en terreos rústicos. A instalacións ía realizarse nun lugar onde viven máis de cincuenta familias que verían afectada a súa calidade de vida. Xunto a isto, o deterioro medioambiental afectaría tamén a acuíferos naturais da zona.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 15/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os veciños do lugar de Corexo, na parroquia santiaguesa de Marrozos, opuxéronse ao proxecto dunha planta de tratamento de residuos que se instalaría en terreo agrario protexido. Os motivos da protesta eran a rebaixa da calidade de vida entre as cincuenta familias que viven no lugar, a contaminación que traen este tipo de instalacións e circulación de vehículos pesados sen as infraestruturas necesarias. Á parte, outro temor era que este lugar acabase acollendo todo tipo de residuos como refugallo de obra e lixo procedente de instalacións hospitalarias. Ante esta perspectiva, a veciñanza fixo fronte denunciando que había unha interpretación parcial e interesada da Lei do Solo de 2002, “que practicamente di que todo solo rústico é edificable”.

Lugar onde se instalaría a planta de tratamento de residuos en Corexo, Marrozos
Lugar onde se instalaría a planta de tratamento de residuos en Corexo, Marrozos

DE ONDE VEU A IDEA?

A empresa COMUCA S.L. é  unha empresa de construción que ten vendido material aos veciños e veciñas da zona desde hai anos. Desde a Asociación Veciñal de Marrozos cren que a empresa non mediu ben as consecuencias que esta acción podería ter entre a veciñanza, entre as consencuencias están a perda de valor inmobiliario e a capacidade de mobilización da xente. “Tamén está a lei do solo de 2016 que permite, mesmo en terreos rurais protexidos polos PXOM, a construción de infraestruturas como vertedoiros” din desde a Asociación de Veciños.

O chan rústico ou rural normalmente é barato, así pois colocar un vertedoiro “é un negocio que dá moito diñeiro”. “Estamos falando de terreos agrícolas que aínda seguen sendo explotados con millo”. COMUCA mercou a finca para colocar as instalacións, de momento non se sabe se a finca continuará baixo a súa propiedade ou se será vendida a un terceiro, isto sempre que o terceiro teña intención de levar adiante actividades agrarias.

“COMUCA é unha empresa familiar que solicitou o desestimento do proxecto diante do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia” sinala a Asociación de Veciños. “Nós xa o deixamos, é un asunto que non seguiu para adiante e por tanto para nós xa acabou” din desde COMUCA.

Veciños e concelleiros de Santiago observan as parcelas onde se instalaría a planta de tratamento en Corexo, Marrozos
Veciños e concelleiros de Santiago observan as parcelas onde se instalaría a planta de tratamento en Corexo, Marrozos

MOBILIZACIÓN VECIÑAL

As mobilizacións veciñais contra os vertedoiros están cuestionando as prácticas permitidas desde a administración autonómica. Logo de experiencias como Casalonga, Touro, San Finx, Miramontes e outros lugares, a concienciación contra espazos de almacenamento de residuos parece ir en aumento. Desde a Asociación Veciñal de Marrozos, cando souberon cal sería o uso que se lle ía dar aos terreos “dixemos que isto era intolerable e contactamos con outras persoas e organizacións e a partir de aí formamos unha asociación”.

A asociación tiña dous obxectivos. O primeiro, eviar que en Corexo se implantase unhas instalacións de tratamento de lixo, e despois de que paralizase o proxecto, “elevar a debate público a oportunidade de modificar a lei do solo, en concreto, modificar o artigo 35 pola súa deficiente redacción, pois provocou un nivel de conflitividade moi alto”. Dita conflitividade segundo a Asociación de Veciños aparece cando empresarios do tratamento de residuos poden mercar terreos baratos e por outra banda, eleva a sensación de inseguridade e desprotección entre as persoas do medio rural.

O proxecto afectaría tamén a unha mina de auga dentro dunha parcela cunha alta produtividade agraria” sinala a Asociación de Veciños. Ademais, afectaría de maneira directa “á reserva de chan agrario a unha cidade como Santiago que é absurdo destruir”. Por outra parte, tamén se crearía unha dinámica “perversa” porque “onde se instale unha actividade deste tipo, o impacto sobre os inmobles que están ao seu redor é moi negativo” porque resta valor ao terreo e só as empresas de residuos estarían interesados en instalarse.

CONTACTOS E ESTRATEXIAS

A mobilización veciñal non só consistiu en mostrar o desacordo co proxecto mediante conentracións. Fixéronse contactos cos partidos políticos da corporación municipal e coas concellarías de Urbanismo, encabezada por Mercedes Rosón e a de Política Social dirixida por Mila Castro. Doutra banda, a concelleira de Compostela Aberta, Marta Lois e a do BNG, Goretti Sanmartín, tamén transmitiron o apoio á veciñanza contraria ao vertedoiro.

Non obstante, os puntos forza que usaron os veciños coa intención de paralizar as intencións de COMUCA foron dous, apelar á responsabilidade social corporativa da empresa. “Esa política non pode impactar de maneira negativa sobre a contorna social e medioambiental”. A outra razón de peso era a conta de resultados que depende do diñeiro e do tempo que se queira investir. “Fixémoslle ver que a conta de resultados ía saírlle moi elevada porque iamos xudicializala”.

Estes dous puntos tiveron o efecto esperado polos veciños. “A empresa comunicounos a nós antes que a ninguén o seu desestimento, tiveron en conta que non había interese en porse contra quen eran a maioría dos seus clientes”. Con todo, xurde a pregunta de por que montar unha planta de tratamento de residuos cando perto deste lugar está o vertedoiro de Miramontes. “Cremos que iso é un erro de cálculo por parte da empresa porque tiñan expectativas elevadas pola súa interpretación da Lei do Solo”.

O desestimento da empresa foi unha vitoria para os veciños de Marrozos que con esta acción demostraron a “parcialidade” dunha lei do solo que, praticamente, considera o chan rural como unha grande parcela, grazas á ambigüidade do texto e sobre todo do artigo 35 da mesma. A cuestión final é que se non hai un cambio lexislativo, a conflitividade entre empresarios do lixo e poboación pode ir escalando como o estivo facendo durante estes catro últimos anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta