Balance exitoso da V edición do FIC Vía XIV de Verín

A participación do público nas actividades paralelas superou as 860 persoas, cifra que supón un aumento do 40% en relación ao ano pasado, e a cifra global de asistentes foi de 1.100 persoas.

Por X.M. Fernández | Verín | 17/09/2020 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

O FIC Vía XIV, festival de curtas de Verin, optou este ano por cambiar de datas. Tendo que terse celebrado en decembro adiantouse a este mes de setembro e o resultado dálle a razón á organización. Segundo sinala o director do certame, Carlos Montero, o balance foi “moi exitoso e favorable para atraer novo público ás diferentes proxeccións e actividades paralelas propostas, que tiveron un  marcado carácter local”.

Premios da V edición do 'FIC Vía XIV de Verín'. Foto: Prensa Concello
Premios da V edición do 'FIC Vía XIV de Verín'. Foto: Prensa Concello

En seis ocasións durante o transcurso do mesmo colgouse o cartel de completo e as estreas das pezas documentais “Entroidar” e “Hijas de Galicia, Macorinas” foron especialmente exitosas.

Máis de 860 persoas -un 40% máis que na edición anterior- participaron nas actividades paralelas propostas, e a cifra global de asistentes, contando as persoas que visionaron as curtas na pantalla instalada en García Barbón e a través de streaming, superou as 1.100.

Aínda así, por mor da pandemia, non se puido nesta ocasión desenvolver a actividade Cinema Marabillas, orientada aos cativos e cativas. A organización do certame, segundo expresa Montero, “confía en poder retomar a actividade o vindeiro mes de decembro, no propio Auditorio de Verín, sempre e cando as circunstancias sociosanitarias o permitan”.

PALMARÉS DA V EDICIÓN

O Premio á Mellor Curta na Categoría “Outra Mirada” foi para Bos, un traballo dirixido por Steffen Geypens. Jamila, unha curta sueca realizada por Sophie Vukovic, ergueuse co Premio á Mellor Curta na Categoría “Horizontes”. Por outra banda, Eco -do madrileño Aitor de Miguel- levou o Premio á Mellor Curta na Categoría “A Raia” e, finalmente, Je finirais en prison, de Alexandre Dostie, feita en Canadá, foi distinguida co Premio á Mellor Curta na Categoría “Nova”. O Premio do Público foi para Feitizo, unha curta dirixida polos mozos de Verín Álex González e Patricia Porto.

Imaxe de público no Auditorio Municipal. Foto: Prensa Concello de Verín.
Imaxe de público no Auditorio Municipal. Foto: Prensa Concello de Verín.

O xurado decidiu tamén outorgar unha mención especial, dentro da categoría A Raia, á curta Néstor, do portugués Joao González.

CAMIÑO DA VI EDICIÓN

“Os datos avalan o éxito e a consolidación do FIC na axenda cultural de Verín”, abondou Carlos Montero, quen sinala tamén que dende xa comezarase a pensar “en como articular a sexta edición do certame”, que se celebrará en 2021.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta