Novos protocolos da Xunta propoñen 'grupos de convivencia estable' en centros de día

Un novo documento para as residencias de maiores fixa o límite das visitas a unha persoa por residente, cunha duración máxima dunha hora ao día e extremando as medidas de prevención.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2020 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

A reunión do comité clínico que asesora á Xunta en materia de prevención da COVID-19 aprobou este mércores os protocolos elaborados por parte das autoridades galegas para permitir visitas nas residencias e a actividade de centros de día naqueles municipios afectados por restricións para frear os contaxios.

A intención, tal e como lembrou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, é "evitar as consecuencias indeseadas do illamento" das persoas maiores naqueles municipios con medidas especiais activadas, onde, ata agora, están prohibidas as visitas en residencias e permanecen pechados os centros de día, especialmente no caso de que estas se prolonguen.

Para iso, Política Social e Sanidade acordaron senllos protocolos que, se todo vai segundo o previsto, entrarán en vigor este xoves e afectarán os municipios onde hai restricións á actividade pola súa situación epidemiolóxica.

En relación aos centros de día, avanzou Julio García Comesaña, favorecerase a súa apertura a través da promoción de 'grupos de convivencia estable' entre os seus usuarios, a limitación da actividade grupal á situación epidemiolóxica concreta ou a implantación de medidas para protexer ás persoas de maior idade.

RESIDENCIAS DE MAIORES

Por outra banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xa avanzou a semana pasada, tras o Consello da Xunta, algunha das propostas incluídas no protocolo para favorecer visitas en residencias, como un cribado a todo o persoal destes centros cada 15 días.

Segundo dixo Feijóo, o documento fixa o límite das visitas a unha persoa por residente, cunha duración máxima dunha hora ao día e extremando as medidas de prevención.

Por exemplo, para as visitas deberá solicitarse cita previa, os visitantes deberán estar no centro con antelación e realizaráselles unha avaliación para detectar posibles síntomas. Ademais, deberán desinfectar mans, respectar distancias e usar máscara.

Se é posible, ademais, a visita terá lugar nunha zona aberta e axardinada. Cando non sexa factible, habilitarase unha sala específica preto da entrada, ventilada con aire exterior e con circuítos de entrada e saída.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade e ex xerente do Sergas en Vigo
Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade e ex xerente do Sergas en Vigo | Fonte: redaccionmedica.es

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta