Carmela Silva acusa á Xunta de "ocultar datos" sobre a xestión da pandemia da COVID-19

Tamén denunciou que "a asistencia primaria en Galicia está colapsada, que non mintan" e relatou a súa propia experiencia persoal coa imposibilidade de contactar telefonicamente co centro de saúde.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/09/2020 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, referiuse este venres á xestión da pandemia por parte da Xunta e denunciou que o Goberno galego "oculta os datos, oculta o que ocorre". "E non hai dereito a iso, porque impide que podamos tomar decisións", subliñou.

No transcurso dunha rolda de prensa, Carmela Silva sinalou que neste asunto ten "que ser responsable, dicir a verdade e denunciar o que está a ocorrer" xa que, ao seu xuízo, "a Xunta de Galicia non está a contar a verdade; a xente non coñece a verdade".

A mandataria socialistas dixo que prefería non dicir nada sobre o tratamento informativo da Televisión de Galicia. "Calquera día voume vestir de negro eu tamén", comentou en relación aos 'Venres negros', unha acción de protesta dos traballadores da CRTVG que visten cada venres de negro para denunciar "manipulación" e esixir que se cumpra a Lei de Medios aprobada en 2011 no Parlamento de Galicia. "É escandaloso o que está a ocorrer", valorou.

Tamén denunciou que "a asistencia primaria en Galicia está colapsada, que non mintan" e relatou a súa propia experiencia persoal coa imposibilidade de contactar telefonicamente co centro de saúde, as listas de espera e os atrasos nas consultas e valorou como "peligrosísimo" que estea "colapsada" a Atención Primaria.

Ademais destacou que os concellos non teñen información oficial sobre a incidencia da Covid nos seus municipios, algo que entende como "unha obrigación" dos políticos.

"PREOCUPADA"

Carmela Silva tamén dixo estar "moi preocupada" porque "o sistema educativo non conta con recursos de todo tipo, tamén sanitarios, que permitan facer fronte" á situación como a que se vive. E incidiu en que a Xunta debeu encargarse de que as máscaras fosen gratuítas para o alumnado pertencente a familias con dificultades económicas.

Neste sentido, a presidenta provincial anunciou que este xoves recibiu unha chamada telefónica da subdelegada do Goberno na provincia, Maica Larriba, que lle comunicou que a Deputación de Pontevedra recibirá 100.000 máscaras que repartirá entre os concellos. "E o presidente da Xunta onde está?", preguntou.

Precisamente, nos últimos días, a presidenta da Deputación de Pontevedra remitiu unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que insta de novo "a convocar canto antes" ao catro deputacións galegas, á Fegamp e ás sete grandes cidades da Comunidade para informar a repartición dos "recursos extraordinarios" que envía o Goberno do Estado para "afrontar o novo escenario xerado pola pandemia da covid-19".

A carta aínda non tivo contestación. "En bo ton, sen buscar confrontación, quero ser clara e dicir a verdade: non nos merecemos isto", afirmou Carmela Silva. "A xente votoulles para que gobernen", engadiu.

"É tempo de responsabilidade, de cogobernanza, é tempo de pensar na xente, vivimos unha situación moi preocupante e temos que traballar xuntas e xuntos", concluíu a presidenta da Deputación de Pontevedra. "Menos palabrería, menos propaganda e máis acción", sentenciou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

A DEPUTACIÓN ÚNESE AO PROGRAMA DE LIMPEZA DOS MARES

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a adhesión da institución provincial á terceira edición da campaña "un metro cadrado por praias e mares", convocada polo Proxecto Libera en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) contra a "basuraleza" na costa.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, Carmela Silva explicou que esta "é unha campaña para concienciar, para demostrar, para recoller datos e para poder tomar medidas e decisións de loita contra o dano que lle estamos facendo á nosa contorna natural".

En concreto, a Deputación porá en marcha dúas accións de recollida de lixo, o 26 de setembro na praia de Area da Cruz (O Grove) e o 3 de outubro na praia de Nerga (Cangas). Cada unha das actividades terán unha duración aproximada de dúas horas e os grupos estarán formados por un máximo de 10 persoas voluntarias que ademais de recoller lixo, tipificarán e caracterizarán o tipo de residuos que se atopen.

Os participantes contarán cunha APP que lles axudará a introducir e compartir os resultados, que serán incorporados ás bases de datos do Ministerio e servirán para deseñar estratexias máis eficientes e efectivas para acabar con este grave problema ambiental.

Para participar na campaña, as persoas voluntarias deberán cubrir un formulario de inscrición na web da Deputación e terán de prazo ata o 24 de setembro.

PREMIOS SOFÍA NOVOA

Nesta mesma rolda de prensa a presidenta da Deputación provincial anunciou a quinta edición dos Premios Sofía Novoa, que galardoan a integración da perspectiva de xénero nos traballos universitarios de Fin de Grao e Fin de Máster defendidos e aprobados nos campus de Pontevedra e Vigo da Universidade de Vigo durante o curso 2019/2020.

As bases desta nova edición, que repartirá premios por valor de 5.200 euros, acábanse de publicar este venres no Boletín Oficial da Provincia, manténdose aberto o prazo de inscrición ata o 2 de outubro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta