A Xunta ve "risco" no foco de Verín polo envellecemento e o "alto" número de hospitalizados

Limita ao 50% o aforamento de establecementos e recomenda aos maiores de 75 anos non saír de casa en horas de maior afluencia.

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 19/09/2020 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade estendeu as restricións para facer fronte á pandemia da COVID-19 a Verín por, ademais da "tendencia ascendente" dos contaxios no últimos tres días na comarca, o "risco" que supón o envellecemento da poboación no municipio e ao "alto" número de casos positivos que requiren hospitalización.

Así se desprende da orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), que desde medianoite impuxo en Verín as medidas que aínda manteñen Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Ourense, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín e varios barrios da Coruña.

No caso da comarca Verín, o informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública observa que aínda que os contaxios acumulados a sete días presentan unha "tendencia estable" e o número reprodutivo instantáneo aínda se sitúa "por baixo de 1" --é dicir, cada persoa con coronavirus contaxia a menos dunha--, a tranmisión obsérvase "ascendente" desde o mércores, 16 de setembro.

No entanto, Sanidade destaca que na capital comarcal a taxa de transmisión nos últimos 14 días é "alta" e o número de positivos hospitalizados tamén é "alto" para ser unha zona "tan pequena" --11 ingresos de pacientes COVID no hospital da localidade--. Ademais, ten o risco engadido "de ser unha poboación moi envellecida".

Por estas razóns, o informe de Saúde Pública recomendou adoptar medidas restritivas en Verín, onde desde este sábado as reunións están limitadas a 10 persoas non convivientes e os aforamentos non deberán superar o 50 por cento con carácter xeral en establecementos comerciais, de restauración e de hostalaría. No caso das terrazas, a capacidade será do 75 por cento, pero o consumo en barra está prohibido.

RECOMENDACIÓNS A MAIORES DE 75 ANOS

Cabe destacar que, neste mesmo termo municipal, Sanidade recomenda aos maiores de 75 anos, así como a outros grupos vulnerables á COVID-19 e que presenten algunha enfermidade respiratoria que se poida agravar polo uso de máscara, que eviten saír de casa nas horas "de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública e en espazos ou establecementos abertos ao público".

Tamén está a limitación dos aforamentos ao 50 por cento tamén nos interiores de lugares de culto, bibliotecas, academias, piscinas e instalacións deportivas. Así mesmo, redúcese a capacidade de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns --50 persoas en espazos pechados e 100 ao aire libre--.

En canto a mercados ao aire libre e feiras, non poderán superar o 50 por cento dos postos habituais ou autorizados, de modo que se limite a afluencia de clientes. Neste sentido, autorízase ao Concello a aumentar a superficie habilitada para estas actividades ou estendelas a novos días para compensar as restricións.

VELORIOS ENTRE 10 E 25 ASISTENTES

En canto aos velorios, estarán permitidos en todo tipo de instalacións, públicas e privadas, debidamente habilitadas, cun límite máximo de 25 asistentes en espazos ao aire libre ou de 10 en pechados, sexan ou non convivientes, ademais do ministro de culto que corresponda.

SEN RESTRICIÓNS EN ARTEIXO, O ROSAL E A GUARDA

De forma paralela á extensión das medidas a Verín e ao endurecemento en catro cales de Ourense, Sanidade decidiu desde este sábado levantar as medidas especiais no municipio coruñés de Arteixo e nos pontevedreses da Guarda e O Rosal, debido á baixada das taxas de transmisión a tres e sete días.

Hospital de Verín.
Hospital de Verín.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta