O BNG só apoiará os orzamentos do Estado se se cumpren os acordos de investidura e a "defensa" de Galicia

Pide unha repartición acorde coas “necesidades de Galicia” dos 140.000 millóns de euros que España recibirá do fondo europeo e un “novo modelo de financiamento”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/09/2020 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu este sábado ao Goberno central que calquera negociación para a aprobación duns novos orzamentos xerais do Estado pasará polo “cumprimento escrupuloso” do acordo de investidura alcanzado polo Executivo estatal cos nacionalistas galegos.

Ana Pontón
Ana Pontón

Na súa intervención ante o  Consello Nacional do partido, Pontón afirmou que, nun contexto de pandemia e de “crise económica e social sen precedentes” como o actual, o obxectivo do BNG é “poñer por diante a defensa dos intereses de Galicia ante todo e por encima de todo” e que, como tal, demandarán “un trato xusto” para a Comunidade nas novas contas.

Así pois, a dirixente nacionalista quixo enviar “unha mensaxe moi clara para o Goberno central” e sostivo que xa están “cansados” dos “agravios e discriminacións” cometidos contra Galicia  De acordo con Pontón, o BNG é “a única forza política” con “as mans libres para defender os intereses dos galegos”, xa que non practica -manifestou- “nin seguidismo do inquilino da Moncloa nin seguidismo do inquilino de Xénova”, a diferenza do PSdeG e do PPdeG.

Deste xeito, ante a dirección do partido, defendeu que a “prioridade inmediata” de Galicia é a “reactivación económica e social”, na que “cada euro vai contar” e farán faltas “ideas” e “recursos” para liquidar as dificultades que se presentan.

NOVO MODELO DE FINANCIAMENTO

Por este motivo, demandou unha repartición acorde coas “necesidades de Galicia” dos 140.000 millóns de euros que España recibirá do fondo europeo creado para aplacar os efectos da covid-19, así como un “novo modelo de financiamento” que deixe atrás “a dependencia” do vixente e a supresión da lei Montoro para favorecer a autonomía municipal.

Así mesmo, no plano político, Pontón prometeu unha oposición “cento por cento  propositiva” e de “rigoroso control ao Goberno” para poder “resolver problemas que hoxe  angustian a unha maioría dos galegos”. Neste sentido, aludiu ao arranque do curso escolar “con multitude de incidencias” ou á falta de medios en sanidade como erros dun Goberno galego que -ao seu xuízo- “segue instalado na inercia, na incapacidade de anticiparse” e que “reacciona sempre mal e tarde”.

A ollos da líder do BNG, o presidente Alberto Núñez Feijóo “queda espido cando non pode esconderse tras a propaganda e a manipulación da TVG” e é por iso que Galicia necesita de partidos que demostren que “hai outra maneira de entender o país e que hai outras alternativas”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta