Educovid, a nova plataforma coa que a Xunta quere controlar os contaxios na educación

O seu obxectivo é facilitar os rastreos de contactos e axilizar as decisións unha vez que se detecten positivos covid nos centros educativos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A comunidade educativa e sanitaria dispoñen dunha plataforma telemática para a xestión dos casos de coronavirus vinculados aos centros escolares. Esta ferramenta, deseñada pola Xunta como canle de comunicación interna, permitirá compartir información entre os centros e a Central de Seguimento de Contactos (CSC) para xerar alertas e activar protocolos.

A plataforma atópase xa operativa tras a sesión formativa impartida na xornada do venres, segundo informa a Administración autonómica nun comunicado emitido este sábado no que concretan que o obxectivo de 'Educovid' é facilitar os rastreos de contactos e axilizar as decisións unha vez que se detecten positivos covid nos centros educativos.

Así as cousas, no momento en que un profesional ou alumno resulte positivo nunha proba PCR, os técnicos da Central de Seguimento de Contactos accederán a plataforma 'EduCovid', onde poden buscar o centro educativo ao que pertence e rexistrar unha solicitude dos contactos próximos dese positivo.

Pola súa banda, os membros do equipo covid do centro educativo, previamente rexistrados na aplicación, reciben o aviso nos seus dispositivos móbiles. Deste xeito, poderán visualizar o expediente de petición de contactos do alumno ou profesor e así acceder aos grupos de convivencia que suxire o sistema --alumnos e profesores do mesmo grupo, alumnado e persoas que comparten comedor, alumnado e persoas que comparten transporte, etc.--.

A continuación, o centro educativo deberá seguir as instrucións do CSC e engadirá ou eliminará contactos desas listaxes. Concluído este proceso, o sistema remite a información dos contactos solicitados aos técnicos da Central de Seguimento de Casos, que contactará con eles para adoptar as medidas sanitarias oportunas.

Nota+Fotos: A Xunta Pon En Marcha A Plataforma Educovid Para Facilitar E Axilizar A Xestión De Casos Vinculados A Centros Educativos. Xunta de Galicia
Nota+Fotos: A Xunta Pon En Marcha A Plataforma Educovid Para Facilitar E Axilizar A Xestión De Casos Vinculados A Centros Educativos. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta